Prestacións

Prestacións

Neste apartado ofrecemos información das prestacións sociais públicas en Galicia, xa que ante os problemas de precariedade laboral, as insuficientes contías das pensións, o elevado prezo da vivenda... cómpre estar ben informados dos nosos dereitos. As prestacións máis destacadas son a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e as Axudas de Emerxencia (AES).

Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) “é unha prestación social de carácter periódico destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria”.

:: Requisitos de acceso

- Estar empadroado/a e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polo menos durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude. Entendese por residencia efectiva aquela que habite o solicitante por tempo superior a seis meses nun período de doce.

Quedan eximidas do cumprimento deste requisito dun ano: a - Aquelas persoas que, procedentes doutras comunidades autónomas do Estado español, sexan beneficiarias do salario social na Comunidade Autónoma da que proceden, sempre que na lexislación desa Comunidade se recolla a reciprocidade.

b - As vítimas de violencia doméstica que cambian o seu domicilio por motivos de seguridade.

c - Os emigrantes galegos retornados cando fixen a súa residencia en Galicia. Asemade, aquelas persoas nacidas en Galicia que residindo noutras comunidades autónomas volvan fixar  a súa residencia en Galicia.

Os cidadáns e as cidadás doutros estados non membros da Unión Europea precisarán, ademais, acreditar a residencia legal en España no momento da formulación da solicitude.

- Ter constituída unha unidade de convivencia independente, vinculada económicamente á persoa solicitante.

- Ter unha idade comprendida entre os 25 e os 65 anos.

Non obstante, tamén poderán ser beneficiarios:

1. Menores de 25 anos, que reunindo o resto dos requisitos, teñan menores ó seu cargo

2. Persoas maiores de 18 anos que, tendo recoñecida a condición de minusvalía, non teñan dereito a prestación ou axuda de igual ou análoga natureza.

3. Persoas maiores de 18 anos que, antes de acadaren a maioría de idade, estivesen tuteladas pola Xunta de Galicia e internadas en centros de protección de menores ou en acollemento familiar.

4. As persoas maiores de 18 anos en situación de orfandade absoluta que, reunindo os demais requisitos, non teñan dereito a outras prestacións ou axudas de análoga natureza.

- Dispoñer de recursos económicos inferiores á contía da prestación económica da RISGA que no seu caso lle corresponda.

- Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestar alimentos. A xuízo do órgano de resolución, poderase eximir deste requisito aqueles solicitantes dos que se prevexa que a obriga de alimento non se poida facer efectiva por malos tratos, relacións familiares deterioradas ou inexistentes, das que exista constancia no expediente.

:: Documentación

- Modelo de Solicitude.

- Copia cotexada do DNI do/da  solicitante e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia.

- Copia do libro de familia, se é o caso

- Copia cotexada do Recibo do Imposto sobre Bens Inmobles da vivenda propia, no seu caso.

- Xustificación documental que proceda no caso de ser titular doutros bens mobles ou inmobles.

- Copia cotexada do certificado de Minusvalía no suposto de que o/a solicitante ou calquera dos membros da unidade de convivencia teña a condición de discapacitado/a.

- No caso de ser vítima de violencia doméstica que cambia o seu domicilio por motivos de seguridade deberá presentar solicitude de orde de protección.

- No caso de persoas  cidadás procedentes doutros estados deberán presentar copia do pasaporte ou DNI en vigor e copia da Tarxeta de Identidade de Estranxeiros, cando estean obrigados/as a obtelo. No caso de persoas cidadás de estados non membros da Unión Europea, Espazo Económico Europeo ou Confederación Suíza deberán presentar, en todo caso, copia cotexada da Tarxeta de Identidade de Estranxeiros ou da resolución de concesión do permiso de residencia.

- No caso de persoas cidadás procedentes doutras CC.AA. do estado español que sexan beneficiarias do salario social da CC.AA. da que proceden, deberán presentar copia cotexada da resolución de outorgamento.

- No caso de persoas emigrantes que fixasen a súa residencia no territorio da CC.AA Galega deberán presentar copia cotexada da baixa consular e acreditación documental da súa última veciñanza administrativa anterior á emigración en calquera dos concellos da CCAA.

- No caso de persoas maiores de 18 anos en situación de orfandade absoluta deberán acreditar a devandita situación.

- No caso de que o/a solicitante estivese empadroado/a durante o ano inmediatamente anterior nun ou varios concellos da Comunidade Autónoma distintos a aquel no que tramitara a solicitude, deberá xuntar os certificados de empadroamento que procedan.

- No seu caso, acreditación de ingresos de todos/as os/as convivintes (IRPF, nómina, etc)

Documentación mínima que deberá aportar o concello:

- Certificacións de empadroamento do/a solicitante durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude.

- Certificado de convivencia

- Certificado de titularidade de vehículos de tracción mecánica inscritos no correspondente padrón respecto a todas as persoas integrantes da unidade de convivencia.

- Informe Social

- Proposta(s) de proxecto(s) de inserción que corresponda(n)

- Proposta de resolución: Concesión ou Denegación

:: Obrigas dos/das usuarios/as

- Destinar importe da prestación ao fin para o que se concede.

- Participar nas accións contidas no proxecto de inserción.

- Escolarizar aos menores ao seu cargo que estean en idade escolar obrigatoria.

- Non exercer a mendicidade nin a prostitución, nin inducir á práctica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia.

- Comunica-las variacións sobrevidas que puidesen dar lugar a modificación, suspensión ou extinción da prestación.

- Exercitar, cando o órgano competente para a resolución o estime conveniente, á vista dos informes que consten no expediente e no prazo que se estableza na correspondente resolución, calquera dereito económico que puidese corresponderlles segundo a lexislación vixente.

- Cantas outras obrigas se deriven do obxecto e finalidade da RISGA.

:: Prestacións

1. Económicas:

1. Subsidio básico de contía fixa equivalente ó 75 % do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM):

2. Complemento familiar variable en función do número de membros do fogar:

* 12% do importe mensual do IPREM polo primeiro membro adicional.

* 10 % do importe mensual do IPREM polo segundo.

*   8 % do importe mensual do IPREM por cada un dos restantes membros.

As persoas beneficiarias que se manteñan na percepción da prestación despois de catro anos ou se reincorporen só terán dereito ao subsidio básico cunha contía mensual equivalente ao importe mensual da PNC,  sen dereito á percepción do complemento variable.

O importe que percibirá cada persoa beneficiaria estará constituído pola diferenza entre a contía mensual da RISGA que lle correspondese e a dos recursos económicos dos que dispoña e, en ningún caso poderá superar o límite do 125%  do IPREM  mensual.

Non se considerarán recursos económicos:

* Os ingresos irregulares que únicamente resulten un complemento de supervivencia.

* Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada e profesional ou a paliar situacións de emerxencia social.

* As prestacións familiares por fillo a cargo maior de 18 anos cunha minusvalía igual ou superior ao 65% xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia.

3. Complemento de inserción: a contía deste complemento que se poida establecer nos correspondentes proxectos, será determinada en función das súas especiais características, dedicación e gastos que implique. Poderase beneficiar deste complemento toda persoa que, non sendo perceptora da RISGA, estea incorporada a un proxecto de inserción dentro dos programas elaborados para este fin.

:: Contías 2009

 

Subsidio básico 395,43
Complemento familiar  
1º membro 63,27
2º membro 52,72
3º e máis membros 42,18
Complemento de inserción  
perda ingr. max. 197,72
gastos 98,86
estímulo 98,86

 

Para perceptores de RISGA de máis de catro anos a contía é: 336,33 €/mes

2. Non económicas:

-Acceso a formación ocupacional.

-Integración laboral: incentivos tanto para a contratación por conta allea coma para o autoemprego e a economía social e prioridade para participar nos programas de colaboración con outras administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro para a realización de obras e servizos de interese xeral ou social e para a participación en programas mixtos de formación e emprego.

-Programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

-Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

REVISIÓN:

:: Documentación

- Informe Social (Método de cumprimentación do capítulo V do informe social)

- Proposta de Resolución

- Declaración Individual

- Proxecto de Inserción, se é o caso

:: Lugar de presentación

- Servizos Sociais Comunitarios

- Departamentos Territoriais da Consellería de Traballo e Benestar

:: Prazo de presentación

Durante todo o ano.

_ _ _ _ _

 

Axuda de Emerxencia Social (AES) son “axudas económicas de pagamento único, destinadas a paliar situacións de emerxencia que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente. Para os efectos desta norma considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente non cubertas polos diferentes sistemas de protección”.

:: Requisitos de acceso

- Ser maior de idade.

- Estar empadroado e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

- Non dispoñer de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da situación de emerxencia. (Ingresos non superiores ó 125% do importe do subsidio básico máis o complemento familiar da RISGA que lle correspondería.)

En ningún caso se poderá conceder máis dunha axuda para situación de emerxencia social por unidade de convivencia ó ano.

:: Documentación

- Solicitude.

- Copia do DNI/NIF do solicitante e membros da unidade de convivencia obrigados a obtelo

- Libro de familia, se é o caso

- Copia do Recibo do Imposto sobre Bens Inmobles de Natureza Urbana no caso de dispoñer de vivenda propia

- Certificado de Minusvalía no suposto de que o/a solicitante ou calquera dos membros da unidade de convivencia teña a condición de discapacitado.

- Xustificación documental que proceda no caso de ser titular de bens e dereitos distintos dos mencionados

Documentación mínima que deberá aportar o concello:

- Certificacións de empadroamento da persoa solicitante.

- Certificado de titularidade de vehículos inscritos no correspondente padrón respecto a tódolos membros maiores de idade da unidade de convivencia.

- Informe Social

- Proposta de resolución. (Concesión)

- Proposta de resolución. (Denegación)

:: Contías (2009)

 

Concepto Contía máxima Contía do 85 %
uso da vivenda habitual 1.318,10 1.120,39
habitabilidade 5.272,40 4.481,54
equipamento 1.054,48 896,31
necesidades primarias 1.054,48 896,31
traslado vivenda (dentro localidade) 1.054,48 896,31
traslado vivenda (fóra localidade) 1.318,10 1.120,39

 

 

A= Comp. familiar + Sub. Básico

B= 125% de A

A B
Solicitante 395,43 494,29
1 458,70 573,38
2 511,42 639,28
3 553,60 692,00
4 595,78 744,73
5 638,14 797,67
6 680,14 850,17
7 722,32 902,9
8 764,5 955,62

 

-Se os ingresos da unidade de convivencia son menor ou igual que A corresponde o 100%, contía máxima.

-Se están entre A e B corresponde o 85%.

-Se superan B non ten dereito a Emerxencia Social.

O importe máximo a percibir no caso de que se soliciten axudas para varios conceptos é de 7.381,36 € (IPREM anual)

Modelo de documento de delegación de pago, no caso de optar por delegar o pago da axuda concedida ao proveedor correspondente.

:: Lugar de presentación

- Servizos Sociais de Comunitarios

- Departamentos Territoriais da Consellería de Traballo e Benestar

:: Prazo de presentación

Durante todo o ano.

_ _ _ _

Achegamos a guía de práctica de recursos sociais feita polos compañeiros de Berri Otxoak e o documento "Aliados de los pobres"

Dende o 2012 os recortes e o endurecemento están a deixar a moitas persoas sen uns mínimos de protección, así o expresan os últimos datos: “Nos últimos sete

A Consellería de Política Social, que dirixe José Manuel Rey Varela, continúa co seu acoso ás persoas máis empobrecidas, en concreto ás perceptoras da RISGA. Explicamos a situación que está a sufrir unha compañeira.

A Xunta nola quere xogar coa RISGA. Van de preocupadas pola inclusión social anunciando novas medidas, pero o único que fan e engordar o número de persoas que sofren o empobrecemento e a precariedade.

Alporiza sufrir unha mala lei e unha peor aplicación. Falamos da nova lei da RISGA. Malia que falan dela coma un recurso para facilitar a inclusión social das persoas e colectivos máis empobrecidos o que atopamos nela é unha DESFEITA.

O 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor unha nova lei de RISGA. A Xunta superou o prazo máximo (6 meses) para ter o decreto que desenvolva a lei e mentres as de sempre sufrimos as consecuencias dunha lei moi condicionada pola escaseza de orzamento.

A indeterminación, a interpretación restritiva da lei e o “non hai cartos” semellan ser as coordenadas que guían a praxe da Xunta desde comezos de ano.

Temos un exemplo disto na non aplicación do complemento de alugamento. A disposición final segunda da lei que entrou en vigor o 1 de xaneiro establece que os tramos de inserción e transición ao emprego non se aplicarán ata a aprobación do decreto. Outra cosa é o complemento de alugamento. Malia que a lei fixa que os tramos e contías de dito complemento desenvolveranse no decreto, non é menos certo que a disposición transitoria cuarta establece que mentres non estea, este complemento tería unha contía máxima de 53 €

Moitas veces temos denunciado que a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia está a ser agravada dun xeito intolerable pola resposta insuficiente e precaria da Xunta, que pasa case exclusivamente por unha RISGA insuficiente e excluínte, que pouco axuda e nada transforma. Orzamentos que rozan a miseria, contías mínimas e escasa cobertura, longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, requisitos  rigorosos que deixan sen acceso a moita xente, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles, e mesmo obstáculos para obter o resgardo de entrega da solicitude... son algúns dos problemas que evidencian que a Xunta de Galicia non está a cumprir coa súa obriga de dar unha solución real e eficaz para cubrir as necesidades básicas das galegas e galegos.

O departamento de Benestar Social do Concello de Vigo continúa sen mostrar vontade algunha de aclarar o relativo á xestión das Axudas de Emerxencia Social (AEM) e, o que é máis preocupante, segue sen dar respostas xustas ás necesidades reais dun número crecente de persoas na nosa cidade.

Segundo recollen as propias bases, as AEM teñen como finalidade: “Apoiar a aquelas persoas, familias ou colectivos que carecen de recursos económicos para satisfacer as súas necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. Sen embargo, a realidade é moi distinta.

Con data de 12 de xuño foi publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia un acordo aprobado por unanimidade no que os grupos con representación no parlamento galego instan á Xunta de Galicia (e tamén aos concellos) a que “axilice” a tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e das axudas de inclusión social para cumprir os prazos que marca a normativa vixente. Igualmente, a proposta aprobada pide á Xunta que a todas as persoas que solicitaran a RISGA a través da Lei de Inclusión Social e estean a esperar pola resolución, superados os tempos legais establecidos (dous meses), lles sexa recoñecido o dereito á percepción da renda por silencio administrativo. Finalmente, o acordo reclama que todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo deste ano se resolvan nun prazo máximo de dous meses.

Algunhas fontes falan que no que vai de ano apenas concedéronse RISGAs. Non sabemos se a entrada en vigor da nova lei, o aumento do número de solicitudes, a mala xestión, a falta de cartos... ou a mestura de todas estas causas unida a nula vontade política están a provocar un grave problema de vulneración de dereitos básicos.

Porén lonxe de aceptar esta realidade como inmutable moitas persoas comezan a buscar fendas polas que se meter para facer efectivos os seus dereitos. No último ano moita xente está a presentar alegacións no rexistro da Xunta coa que reclaman a estimación por silencio da RISGA naqueles caso nos que a administración autonómica excedera os prazos (A Xunta ten 2 meses para resolver dende a entrada de toda a documentación. Os concellos teñen 1 mes para enviar a documentación completa á Xunta).

Por norma as delegacións provinciais, cos datos que temos, non están a estimar os expedientes das persoas que entregaron a alegación. O que acostuman, e nestes casos axilizar os expedientes.

Froito das presións que nos últimos meses viñan exercendo a ODS-Coia, a Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), no primeiro trimestre do ano o concello de Vigo, a través da concelleira Isaura Abelairas, anunciou mudanzas na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM), co obxectivo de corrixir a ausencia de procedemento coa que viñan funcionando as mesmas.

Dende hai unhas semanas implementáronse ditos cambios, en virtude dos cales agora é posible solicitar as AEM a través do rexistro municipal (con modelo oficial) e nas propias Unidades de Traballo Social (UTS).

A experiencia compartida destas semanas deixounos algo desconcertadas, polo que solicitamos ao xefe de servizo do departamento de benestar social do concello de Vigo que nos aclarase algunhas dúbidas en relación ao novo funcionamento das AEM.