A RISGA e a Renda Básica: da esmola institucionalizada ao reparto da riqueza

Moitas veces temos denunciado que a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia está a ser agravada dun xeito intolerable pola resposta insuficiente e precaria da Xunta, que pasa case exclusivamente por unha RISGA insuficiente e excluínte, que pouco axuda e nada transforma. Orzamentos que rozan a miseria, contías mínimas e escasa cobertura, longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, requisitos  rigorosos que deixan sen acceso a moita xente, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles, e mesmo obstáculos para obter o resgardo de entrega da solicitude... son algúns dos problemas que evidencian que a Xunta de Galicia non está a cumprir coa súa obriga de dar unha solución real e eficaz para cubrir as necesidades básicas das galegas e galegos.

Sen dúbida, un dos aspectos máis crueis é o que ten que ver cos atrasos na concesión da RISGA, cunha demora totalmente inaceptable por tratarse dunha axuda dirixida a persoas e familias nunha situación de verdadeira emerxencia social. A finais de agosto, sen ir máis lonxe, a Xunta recoñecía que estaba a resolver as solicitudes de decembro do 2013, o que é o mesmo que recoñecer que está a incumprir o establecido pola lexislación vixente no que atinxe aos prazos de resolución desta axuda (tres meses para as solicitudes feitas antes do 1 de xaneiro deste ano, data na que entrou en vigor a nova Lei de inclusión social de Galicia; dous meses para as solicitudes entregadas dende entón).

Tampouco se está a dar presa a administración autonómica en elaborar e publicar o decreto que debe desenvolver e aclarar a citada Lei de inclusión social, publicada o 31 de decembro de 2013. Aínda que na aprobación da mesma se falaba dun  prazo de 6 meses, pasaron xa oito sen que nada novo se saiba, o que contribúe a incrementar a incerteza e indefensión da que son vítimas as persoas solicitantes da RISGA. Por poñer un exemplo, no que ten que ver coa solicitude dos atrasos coa anterior lei, aínda que nun primeiro momento falaban de recoñecemento automático en casos de RISGA nova e tras solicitude na antiga, sempre con data do mes seguinte á petición da última documentación requirida, semella que a estas alturas non teñen nada claro aínda como van tramitalo.

Ante a grave situación referida, non podemos deixar de denunciar, en primeiro lugar, que menten cando dan por única resposta ás nosas críticas e demandas iso de que “non hai cartos”. Fronte os recortes sociais e a súa imposta “austeridade” mal entendida, basta un exemplo significativo que vén de ser denunciado publicamente: a Consellería de Traballo e Benestar malgasta mil euros diarios en pagar a un número esaxerado de asesores contratados a dedo e que están ao servizo exclusivo da conselleira Beatriz Mato.

E finalmente non  podemos deixar de denunciar, unha vez máis, o insuficiente e inútil da Renda de Integración Social de Galicia en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento. Por iso nós, e moitos colectivos e persoas, defendemos a necesidade de superar estes modelos de “rendas ou salarios para pobres”, para dar paso á Renda Básica das Iguais, concibida como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais. Fronte a unha RISGA subsidiaria e restritiva, familiar e condicionada, a Renda Básica ten carácter universal, persoal e incondicional. A Renda Básica é suficiente e digna; a RISGA, escasa e miserable. Finalmente, a Renda Básica é un instrumento máis de xustiza e redistribución da riqueza, mentres a RISGA supón un instrumento de fiscalización, exclusión e perpetuación da esmola asistencial.

Coia, setembro 2014

ODS-Coia e Parroquia Cristo da Vitoria