Pensamos que coas respostas a estas dúas preguntas pode quedar máis ou menos claro que é a ODS-Coia.
- Como e cando nace a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia)?
Este espazo comeza a súa andaina a finais de 2007, cando o despacho da traballadora social que viña funcionando na parroquia do Cristo da Vitoria de Coia pasa a transformarse nun punto de información sobre dereitos sociais.
Tras esta mudanza estaban as vivencias e reflexións que ían xurdindo dos anos de loitas veciñais, de vida comunitaria, de contacto coa dor provocada polos diferentes poderes, de relacións con grupos/persoas opostos ao capitalismo…
A nosa referencia nos comezos foi o traballo da xente de Berri-Otxoak, primeiro punto no Estado español e, por suposto de Baladre, coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social. Na nosa cidade as compañeiras do Grupo de Axitación Social (G.A.S.) e o apoio da comunidade do Cristo da Vitoria foron claves para chegarmos a este momento de tanta actividade compartida.
- Que facemos?
Tentamos ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, denunciar e visualizar a dor inflixida e artellar loitas/resistencias dende abaixo por medio do apoio mutuo.
Para isto, estamos as tardes dos luns nos locais da parroquia en Coia para intercambiar información coas persoas que se achegan, nunha lóxica que procura sermos máis fortes á hora de defender as nosas vidas e uns dereitos acosadísimos. Neste curso temos tamén un espazo de asesoría xurídica.
Este traballo con outros: campañas de denuncia, participación en charlas, presenza na rede… foi no que estivemos ata máis ou menos finais de 2012. A partires desa data a ODS-Coia comeza a diluírse nunha dinámica asemblearia que dende o barrio está loitar polos dereitos sociais de todas, coa renda básica das iguais coma un das súas bandeiras máis recoñecibles.