SEPE: os obxectivos da “policía do diñeiro”

“Cultura de servizo á cidadanía: o SEPE traballa por e para a sociedade. A vocación de servizo público das persoas da organización fai que o nivel de satisfacción aumente con cada usuario satisfeito. Toda a actividade do organismo debese centrar en investigar as necesidades dos seus clientes e orientar o traballo a satisfacelas do xeito máis eficaz”.

O anterior é un dos valores que rexen a actuación do Servizo Público de Emprego Estatal - SEPE (o antigo INEM), segundo a presentación que fai na súa propia páxina web*. Porén, a realidade para calquera persoa que tivera que achegarse polas súas oficinas é, en moitos casos, ben distinta. Cantas persoas verían as súas necesidades satisfeitas e, ademais, de xeito eficaz? Calquera que se enfrontou á burocracia administrativa sabe que o que se vai atopar non son facilidades, precisamente.

O SEPE traballa por obxectivos –incluíndo indicadores para medir a súa realización-. Estes obxectivos, que deberían estar enfocados á satisfacción do dereito ao desemprego –recollido na tan mencionada, ultimamente, Constitución española*-, non só miden cuestións que poderíamos entender como de atención mínima cara a cidadanía (número de queixas respondidas en prazo ou porcentaxe de prestacións que se pagan no mes seguinte á xeración do dereito ás mesmas). Ao contrario, gran parte dos devanditos indicadores teñen un obxectivo de control e redución do gasto público: revogacións de prestacións, baixas en prestacións derivadas da comprobación da dispoñibilidade para o emprego ou baixas definitivas por control de requisitos sobre o total de beneficiarios/as.

O alcanzar ou non eses obxectivos repercute, en parte, no salario do persoal do SEPE. Isto é, para o pago da “produtividade” dos seus traballadores e traballadoras establécense uns tramos e en función da porcentaxe de obxectivos logrados pola provincia, esta sitúase nun tramo ou outro. Así, as provincias que se sitúan nos tramos máis altos –por cumprir mellor os obxectivos-, teñen máis produtividade e o seu persoal cobra máis. O peso do cumprimento destes indicadores pode chegar até un 22% na produtividade do persoal do SEPE.

Así, este sistema por obxectivos -con afectación directa no salario do persoal- pon presión sobre as persoas traballadoras do SEPE, quen ten que aplicar unhas políticas que afondan a situación de pobreza e exclusión social de miles de persoas e que están bastante afastadas de investigar e satisfacer as necesidades da cidadanía -valor que sinala o propio SEPE na súa páxina web-.

Máis aló do número de persoas traballadoras do SEPE que se dedican a “revisar as listaxes” e controlar o cumprimento dos devanditos obxectivos/indicadores, conséguese que os e as traballadoras fagan propio ese ideario de control sobre as e os prestacionados. Termo este -de “prestacionados/as”- que xunto co de “cliente/a” convertéronse en eufemismos moi típicos, para obviar que o SEPE atende a cidadás e cidadáns con dereitos e, en moitos casos, en situación de total exclusión.

Todo o sistema, pois, xira en torno ao control de se as persoas con dereito a prestación, subsidio, etc. seguen cumprindo os requisitos para seguir cobrando. Non vira contorna a satisfacer dereitos, a acompañar activamente ás persoas. Cun par de exemplos, quizais se verá máis claro:

- A una persoa beneficiaria dunha Renda Activa de Inserción (RAI) -uns 430 €/mes, aproximadamente- que convive co seu fillo menor de 26 anos, nese control a posteriori, verificaráselle que durante os 11 meses de duración da RAI, en ningún momento as rendas da unidade familiar superaran o limiar de rendas establecido*. Isto é, se ese fillo traballa 2 ou 3 semanas como camareiro en agosto, e comprobase que por ese traballo as súas Bases de Cotización (non se acode á nómina, que si se podería requirir, senón que en primeira instancia acódese a aquelas) foron de 1150 €/mes, suspenderáselle a percepción da RAI durante esas 2 ou 3 semanas. Por que? Porque co que ese fillo gañou polo seu traballo precario e temporal, esa familia xa non cumpre un dos requisitos para o cobro da RAI.

- Nas prestacións por desemprego, fixáronse unhas contías máximas a cobrar en función de se non se teñen fillos/as a cargo, tense un/a ou dous ou máis*. De xeito periódico crúzanse datos das diferentes bases, de tal xeito que ao detectaren que unha persoa que cobra o paro e cun fillo/a a cargo que traballe ou traballara puntualmente (atendendo aos índices de contratación temporal, podemos supoñer que seguramente sexa en precario), de novo comprobarase con datos tomados das cotizacións á seguridade social se ese fillo/a cobra ou non máis do salario medio interprofesional. En caso afirmativo, danse dúas situacións:

a) Rebaixa do tope por fillos/as a cargo, xa que ese fillo/a xa non se considera responsabilidade familiar.

b) Calcúlase o tempo que cobrou a beneficiaria “por ter un fillo/a a cargo” sen “realmente” telo/a; e, en consecuencia, reclámaselle que devolva esa contía ou, de seguires a cobrar o paro, redúceselle de xeito automático dito importe da seguinte mensualidade. Así, até compensaren o cobro considerado como “indebido”.

O anterior é un anaco do desempeño, por obxectivos, do SEPE. Sen discutir que hai que facer un bo uso -e eficiente- dos recursos públicos, que cren que prima máis na tarefa do SEPE: a procura da redución do gasto ou a satisfacción das necesidades dos seus “clientes”?

Xulguen vostedes.

Outubro 2017

---

- https://www.sepe.es/contenidos/que_es_el_sepe/quienes_somos/mision_visio...

- Art. 41: “Los poderes públicos mantendrán un régimen público de Seguridad Social para todos los ciudadanos, que garantice la asistencia y prestaciones sociales suficientes ante situaciones de necesidad, especialmente en caso de desempleo”.

- Rentas totales de la Unidad Familiar entre el número de personas, ha de ser inferior al 75% del SMI (unos 530 €).

- https://www.sepe.es/contenidos/personas/prestaciones/Cuantias_anuales.html