Levamos tempo berrando que estamos fartas da miseria das políticas sociais da Xunta de Galicia, que cada vez pon máis atrancos ás solicitantes e perceptoras da RISGA. Un exemplo do seu desinterese é que seguimos sen decreto que desenvolva a lei actual pasados máis de tres anos.
Se a RISGA constitúe en si mesma, unha esmola insuficiente e ineficaz, a administración autonómica, afianza anos tras ano, reforma tras reforma ese papel, engadindo requisitos de acceso e circunstancias excluíntes, que fan que cada vez máis persoas véxanse privadas do dereito a percibir ou manter dita renda.
A necesidade de ficar sen ningún ingreso para poder solicitala, a concesión dunha soa RISGA por unidade familiar, e non por persoa, a exclusión das persoas migrantes sen papeis, o exhaustivo control para renovar o dereito, etc… son todos eles, requisitos establecidos nas sucesivas leis que amosan a incapacidade do goberno autonómico para se enfrontar de raíz ao problema da precariedade que moitas estamos a sufrir.
Porén, perante á sua forza institucional e burocracia avasaladora a loita e a denuncia veñen, desta vez, a dar un moi bo resultado.
Lucía, unha compañeira que, coma moitas outras, veu ameazado o seu dereito a renovar a RISGA polo mero feito de compartir piso con outra persoa, foi quen de recorrer e pelexar dita decisión nos xulgados. Logo de esgotar a vía administrativa, decidiu solicitar avogado de oficio para procurar na xustiza os dereitos que a Xunta lle negaba en forma de denegación da RISGA.
Logo do xuízo recibe, a finais de novembro, a sentenza que deixa sen efecto a supresión da RISGA. O Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, na sentenza nº 389 de 23/11/2016 dalle a razón a Lucía e conclúe que a prohibición de que nun mesmo domicilio físico se perciba só una RISGA é contrario a dereito e que só se pode defender e aplicar dita medida cando os membros dese domicilio manteñan entre si un vínculo ou relación familiar.
Deste xeito o Xuíz sinala literalmente que para que se poida excluír a percepción de máis dunha RISGA por vivenda “NON BASTA CON CONVIVIR, É PRECISO QUE CONCORRA ESA ESPECÍFICA RELACIÓN PERSOAL. A DEMANDANTE CONVIVÍA CON OUTRA PERSOA PERCEPTORA DA RISGA E ESA COMPAÑÍA HABITACIONAL ERA PERFECTAMENTE COMPATIBLE COA NORMA REGULADORA. SERÍA INVEROSÍMIL QUE DÚAS PERSOAS QUE PERCIBEN SENDAS PRESTACIÓNS PARA ELUDIR A SUA EXCLUSIÓN SOCIAL, TIVERAN QUE EXCLUÍRSE MUTUAMENTE PARA NON INCORRER EN ESAXERADA INCLUSIÓN”.
O fallo desta resolución xudicial é de suma importancia para todas aquelas persoas que, no país, vense obrigadas a mudarse de domicilio para non xuntar dúas ou máis RISGAS nunha mesma vivenda, aínda que só compartan piso, ou non teñan máis relación ca da simple amizade.
Por unha vez, un xuíz sae da lóxica perversa dos políticos e técnicos de Benestar Social e dálle a razón á cidadanía.
Dende a ODS anímavos a recorrer e denunciar situacións similares que veñen repetíndose decote nas diferentes cidades da Galiza.
Perante a inxustiza, organízate e denuncia! Perante a miseria, loita!
Febreiro 2017
ODS-Coia