Pensións Non Contributivas, ou como a Xunta perpetúa a miseria

Ao redor de 40.000 galegas son beneficiarias dunha Pensión Non Contributiva (PNC). Dito en euros, preto de 40.000 galegas malviven con, falamos da contía máxima, 380'10 €/mes.

Tal e como recolle a web Xunta as PNC son:

“Prestacións económicas que se recoñecen a aqueles cidadáns que:

- Se atopen nunha situación de necesidade.

- Carezan de recursos suficientes para a súa subsistencia nos termos legalmente establecidos.

- Non cotizaran nunca ou non o fixeran durante o tempo suficiente para alcanzar as pensións contributivas”.

Hai dúas modalidades:

- Pensión non contributiva de invalidez: para aquelas persoas maiores de 18 anos que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.

- Pensión non contributiva de xubilación: “para maiores de 65 anos que non poidan acollerse ao sistema contributivo de pensións e que non teñen recursos económicos suficientes”.

A xestión das Pensións Non Contributivas leva atascada dende hai anos. No caso de Vigo son coñecidos, e denunciados, os elevados tempos na tramitación. Técnicas da delegación de Pontevedra da Xunta recoñecen demoras de 6 meses dende o momento da solicitude até o primeiro mes de cobro. Atrasos aos que hai que engadir, no caso das PNC por discapacidade, os amplísimos prazos para seren citadas polos equipos de valoración. Máis de ano e medio de demora no equipo de Vigo para conseguir unha cita cos profesionais encargados de certificar o grao de discapacidade. Lembramos que para moitas persoas ter dito certificado que recoñeza un grao de discapacidade igual ou superior ao 65% pode ser a chave para acceder a uns miserentos 400 € mensuais.

Situación, a de Galiza, que padecen de igual xeito noutros territorios: “La gestión de las pensiones no contributivas se atasca: se conceden menos, se alargan los plazos para resolver las solicitudes y aumenta la lista de espera. Son ayudas, además, cuya cotización no garantiza una pensión que permita subsistir al retirarse -menos de 360 euros por vejez y de apenas 400 por invalidez de media- y afecta a las mujeres en dos de cada tres casos”.[1]

Alén dos grandes números está o día a día que padecen moitas veciñas. Un exemplo desta violencia estrutural a temos nunha persoa que acudiu ao punto de información hai uns días. Tratábase dun home que estaba a cobrar a RISGA (403 €/mes). A mediados do mes de novembro cumpría 65 anos. Con esa idade reúne -a priori- todos os requisitos para poder acceder á PNC. Malia que a Xunta é a administración que xestiona e paga tanto a RISGA como a PNC, funcionarias autonómicas informan que de solicitar a PNC a mediados de novembro, non a vai cobrar até finais de xaneiro. Dous meses sen ingresos para quen malvive de “esmolas sociais” poden provocar: ficar sen teito, deixar a medicación durante 60 días sen medicación ou alimentarse aínda peor que nos meses anteriores.

Estamos ante un exemplo do que as compas de Alambique chaman o “labirinto da exclusión”, imaxe coa que denuncian as formas de violencia máis silandeiras que sufrimos as empobrecidas en forma de documentación, atrasos, desinformación... Neste caso, aínda temos que consolarnos que a Xunta, por solicitar unha PNC e ser beneficiario da RISGA, reduce os prazos en 4 meses.

Fronte ao sistema de axudas, subsidios, pensións... miserentas organizámonos para esixe un dereito forte que garanta unha vida digna para todas as persoas.

Renda básica das iguais e moito máis!

 

Coia, novembro 2018

Oficina Dereitos Sociais - Coia

---

[1] Fonte: https://www.publico.es/sociedad/acceso-pensiones-no-contributivas-reduce...