concello de Vigo

Esta mañá a ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS concentrámonos xunto a entrada do Concello de Vigo para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. De 10h00 a 13h00 non pararon de achegarse persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas.

No acto pretendiamos informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, e tamén denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

Tres meses. Ese é o tempo que levan agardando varias persoas que a finais de marzo entregaron no rexistro do Concello de Vigo unha solicitude de Axuda de Emerxencia Municipal (AEM). O silencio foi a resposta do departamento de Benestar Social a unhas demandas coas que buscaban cubrir necesidades tan básicas coma o pagamento de recibos de luz ou gas, as débedas do alugueiro, a compra de alimentos básicos.... Os responsables do departamento recoñecen ter moitos expedientes “atascados”, mentres o alcalde aproveita calquera declaración pública para falar da fartura de gasto social do seu goberno.

Coa lei na man, se no prazo de tres meses non hai resolución da AEM, a axuda considérase concedida, a tódolos efectos, por silencio administrativo. O concello está na obriga de estimar a solicitude pasado ese prazo, polo que non dubidedes en encher o modelo de alegación e entregalo no rexistro municipal coa copia da vosa solicitude de AEM.

A ODS-Coia, a Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social volvemos á praza do Rei, nesta ocasión cun acto de recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica. Será o venres 27 de xuño de 10:00 a 13:00 ás portas do Concello de Vigo.

O lema deste acto de recollida de firmas é: Fronte á esmola do "Cheque Social" esiximos dereitos: Renda Básica! No escrito de valoración do "cheque social" titulado: "O cheque social ou como nos dan gato por lebre" declarabamos que para nós "este programa resulta totalmente insuficiente e inxusto, non só pola evidente e mesmo insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo tanto no que ten que ver cos ingresos máximos das persoas potencialmente beneficiarias, como nos anos de empadroamento esixidos."

Dende hoxe e ata o 14 de xullo pódense entregar no rexistro do concello de Vigo a solicitude do coñecido como "cheque social". Hai uns días publicabamos un texto no que faciamos unha valoración desta convocatoria bautizada como "Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación- 2014”.

Tedes a valoración que fixemos na entrada titulada "O cheque social ou como nos dan gato por lebre".

As solicitudes, no caso de entregar a documentación completa, pódense entregar ademais de no rexistro na UTS de Coia e de Rivera Atienza. E no concello en horario de tarde (pensamos que de 16:30 a 18:30) tamén informan e recollen solicitudes.

Unha vez máis desexamos denunciar a insoportable demora que nos últimos meses se está a dar na xestión das Axudas de Emerxencia Municipal (AEM), que teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. Debido ao “colapso” na tramitación destas axudas, na actualidade preto de 3000 unidades de convivencia están a agardar varias semanas ou mesmo meses por unha resolución que ata o de agora non se atrasaba moito máis de sete días, tardanza que tendo en conta a situación de extrema necesidade que padecen as persoas e familias demandantes das AEM resulta cruel e inasumible.

Pois ben, os responsables municipais, cando lles esiximos que cumpran coa súa obriga de solucionar de xeito inmediato este problema, limítanse a poñer escusas para eludir a súa incuestionable responsabilidade.

Centos de nenos e nenas estaban na praza do rei para celebrar o Correlingua. Non o sabiamos, pero Isaura Abelairas alí estaba para abrir o acto desta festividade da lingua galega.

Coma tantas outras veces, a anterior o venres 2 de maio, ducias de persoas acudiamos ás portas do concello para denunciar o atasco na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM). A ODS-Coia, a parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (G.A.S.) convocaban unha nova concentración para denunciar que non aguantamos máis.  O empobrecemento está a golpear moi duro na vida de moitas persoas que buscan nos servizos sociais respostas para cubrir as necesidades máis básicas. Moitas veces temos falado dos problemas que sufrimos coa RISGA, pero estas últimas semanas estamos a mirar para a xestión que está a facer o concello das AEM. Atrasos insoportables, indefensión, opacidade... son atrancos cos que se atopan demasiadas persoas que buscan nelas algunha saída aos seus problemas.

Pasan as semanas e dende o concello os responsables políticos: alcalde e concelleira de benestar social dan a calada por resposta perante o atasco das axudas de emerxencia municipais.

Semella non lles importar os atrasos insoportables que teñen que padecer as persoas que buscan nestas axudas unha saída ao problema que trae para moita xente a insuficiencia de recursos para cubrir as necesidades básicas.

Por iso este VENRES 9 de maio, ás 11h00, a ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e parroquia do Cristo da Victoria convocamos unha CONCENTRACIÓN ás portas do CONCELLO perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipal.

Contra a exclusión, redistribución! Dereitos Sociais para todas!

Renda Básica das iguais, XA!

Hoxe o concello celebraba un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para 2014. Ao mesmo tempo a praza do rei acollía dúas concentracións: unha reclamando dereitos sociais e outra da veciñanza de Teis a propósito do conflito polo centro cívico do barrio.

Convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) concentrámonos ás portas da casa consistorial para denunciar, unha vez máis, a vergoñenta e insoportable demora que están a padecer as solicitantes de Axudas de Emerxencia Municipal (AEM). Lembramos que estas, teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. O atasco de máis de 2000 solicitudes nas dependencias de benestar social está a provocar que a resolución das AEM -que antes resolvíanse en algo máis de sete días- agora alónguense no tempo. Isto deixa a moitas persoas sen respostas a problemas tan graves como: o pago da vivenda ou de subministros básicos, a compra de alimentos básicos...

Xa anunciaramos na convocatoria do 25 de abril que Se Mahoma non vai á montaña... iriamos nós onda eles. Por iso o VENRES 2 de maio, a partires das 10h00, a ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e parroquia do Cristo da Victoria convocamos unha CONCENTRACIÓN ás portas do CONCELLO. E de novo convidamos ao alcalde e á concelleira a que ofrezan solucións ante os atrasos das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM).

Abel Caballero e Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social néganse a explicar os motivos do colapso que sofre o departamento de servizos sociais do concello de Vigo. A calada por resposta. Mentres máis de dúas mil solicitudes de AEM están sen resolver. Igual que os problemas de moitas persoas, que acudimos a estas axudas para tratar de buscar vieiros polos que saír do empobrecemento que nos afoga.

Desempregadas ou con empregos precarios, sen pensións ou con elas recortadas, sen prestacións, sen axudas sociais... así temos que vivir, ou máis ben sobrevivir.

A ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e a parroquia do Cristo da Victoria convocamos á cidadanía a participar na ASEMBLEA ABERTA de información e denuncia da POLÍTICA SOCIAL MUNICIPAL. A xestión das Axudas de Emerxencia Municipais. Celebrarase o venres 25 de abril, a partires das 20h00 no salón de actos da parroquia do Cristo da Victoria (rúa Baiona 9, Coia).

Máis de 2.000 unidades de convivencia agardan pola tramitación de Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) do Concello de Vigo. Son máis de 2.000 solicitudes dunha axuda social para “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”, que debido ao “colapso” no concello de Vigo -ata agora estaban a a ser concedidas en pouco máis dunha semana- están a acumular atrasos insoportables para a veciñanza máis empobrecida da cidade.

Non deixará nunca de abraiarnos a 'présa' do concello á hora de dar resposta ás demandas da cidadanía... mesmo se chegan vía Valedor do Cidadán. E sen dúbida desas présas (tardaron máis dun mes en responder á nosa queixa) veñen, a pesares do precioso envoltorio da linguaxe administrativa, estes lodos cos que nos queren facer comungar. Porque no canto de dar resposta ás nosas demandas -que son demandas, non se esqueza, de persoas empobrecidas que falan da súa experiencia cando acoden ás UTS-, as autoridades municipais fan un exercicio de... autoridade para deixar claro que o noso escrito está enchido de “incorreccións e inexactitudes”, que se adican a explicar con toda minuciosidade.

Onte o alcalde, a concelleira de Benestar Social e a tenente de alcalde presentaron nunha rolda de prensa “unha tarxeta solidaria que substitúe aos cheques sociais de alimentos”. Hoxe o Faro de Vigo recolle a nova así: "Los vigueses sin recursos estrenan la 'tarjeta solidaria".

Na web do concello de Vigo podemos ler o seguinte: "Os cheques municipais para axudas de emerxencia de alimentos serán substituídos por tarxetas de crédito coas que os usuarios poderán comprar comida e produtos de hixiene de primeira necesidade en calquera establecemento da cidade.”