Non deixará nunca de abraiarnos a 'présa' do concello á hora de dar resposta ás demandas da cidadanía... mesmo se chegan vía Valedor do Cidadán. E sen dúbida desas présas (tardaron máis dun mes en responder á nosa queixa) veñen, a pesares do precioso envoltorio da linguaxe administrativa, estes lodos cos que nos queren facer comungar. Porque no canto de dar resposta ás nosas demandas -que son demandas, non se esqueza, de persoas empobrecidas que falan da súa experiencia cando acoden ás UTS-, as autoridades municipais fan un exercicio de... autoridade para deixar claro que o noso escrito está enchido de “incorreccións e inexactitudes”, que se adican a explicar con toda minuciosidade.
Nós, mira ti por onde -vese que non temos remedio-, postos a ler o informe da Concellería de Benestar Social, tamén atopamos un montón de “incorreccións e inexactitudes” (para non aburrir agora a quen nos lea, debullámolas no arquivo adxunto). É posible que tanto nós coma eles nos deixemos levar na defensa dos nosos argumentos, pero claro, a diferencia é obvia: nós falamos da nosa realidade cotiá, falamos por nós mesmas e non temos que dar contas a ninguén; mentres que eles representan á veciñanza do concello de Vigo -e, tamén son gañas de amolar, resulta que nós tamén somos veciñas e veciños desta cidade-, polo que non poden -corriximos, non deberían- caer nas inexactitudes e nas descualificacións se falan no nome da cidadanía. Claro que ao mellor resulta que son só portavoces do poder institucional... con esa cara de boíñas e boíños que teñen, ¿quen o ía dicir, non si?
Para non deternos agora en detalles que se incorporan no documento adxunto, podemos resumir o erro de partida do informe do concello -¿será un erro? ¿será un despiste? ¿serán gañas de manipular?- no feito de que se remite en todo momento á normativa sobre axudas sociais municipais aprobada para o exercicio 2014, mentres que nós falabamos -e así o diciamos explicitamente- da normativa do 2013. ¿E hai moitas diferenzas entre unha e outra normativa? Si, señora; si, señor. ¿E logo? É que resulta que algunhas das nosas demandas, que motivaron o escrito de queixa ao Valedor e numerosas protestas e accións de rúa da cidadanía e non estaban presentes na normativa do 2013, foron recollidas... adiviña adiviñanza... si, si, xusto o que estades a pensar... na regulamentación aprobada para o 2014. Nós, como somos de natural desconfiado -que si, que si, que non hai nada que facer, que non temos remedio- decidimos seguir adiante coa denuncia, aínda coñecendo a normativa aprobada para o 2014, posto que non nos fiabamos da súa posta en marcha -de feito, como iremos comentando por aquí, xa estamos a detectar diversas irregularidades-. Resulta case divertido -por non dicir patético- ver con que afán, con que ansia, con que determinación inquebrantable se aferran no informe do concello á normativa do 2014. Do que pasou o ano anterior, nin papa... se é o problema das nosas autoridades, que son de románticas... están sempre con aquilo de que o pasado non existe, o futuro non chegou, e so importa o momento presente. ¡Carpe diem! ¡Que sorte poder vivir así! É coma nós, so que á inversa, porque o noso é para sobrevivir e o deles para xustificarse.
Diciamos agora que o futuro non chegou, pero a verdade é que, como chegará, e algunhas persoas non queren deixar de estar onde están, e hai que ser previsores, no informe non deixan de insistir, con esa linguaxe tan rica e tan chea de matices que caracteriza ás nosas autoridades, en que están inmersos nun proceso de mellora continua que sen dúbida traerá novas modificacións en futuras normativas. Dá gusto saber que aínda non acadaron o último grao de perfección e que son conscientes disto. As persoas empobrecidas tentaremos sobrevivir ata entón. Se eles so pensan no noso benestar, ¡que menos! O ideal sería mesmo non saír á rúa para protestar, que iso sempre queda feo e como que desanima ás nosas autoridades. De feito, no informe mesmo insinúan, non, perdón, ¡que van insinuar!, aseguran con meridiana claridade que as nosas críticas “en nada axuda(n) ás persoas usuarias dos servizos sociais, en particular ás da UTS de Coia”. ¡Eh! Agarda un intre... ¿iso non será unha velada ameaza, non? Non, non pode ser. ¿Como imos pensar iso da benevolencia sen límite de quen nos goberna? Ademais, se fose unha ameaza... sería como dicir que a adxudicación das axudas non é tan transparente, tan técnica, tan obxectiva... falando en prata, sería como dicir que se lles caes mal, se non gustan as túas opinións, poden denegarte as axudas... non, non sexamos malpensados... Claro, iso é por esas frases feitas que nos atorden nas nosas debilidades: pensa mal e acertarás. Ou aquela outra: Din que chove e mexan por nós...