Centos de nenos e nenas estaban na praza do rei para celebrar o Correlingua. Non o sabiamos, pero Isaura Abelairas alí estaba para abrir o acto desta festividade da lingua galega.
Coma tantas outras veces, a anterior o venres 2 de maio, ducias de persoas acudiamos ás portas do concello para denunciar o atasco na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM). A ODS-Coia, a parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (G.A.S.) convocaban unha nova concentración para denunciar que non aguantamos máis. O empobrecemento está a golpear moi duro na vida de moitas persoas que buscan nos servizos sociais respostas para cubrir as necesidades máis básicas. Moitas veces temos falado dos problemas que sufrimos coa RISGA, pero estas últimas semanas estamos a mirar para a xestión que está a facer o concello das AEM. Atrasos insoportables, indefensión, opacidade... son atrancos cos que se atopan demasiadas persoas que buscan nelas algunha saída aos seus problemas.
Ata hoxe, a resposta pública dos responsables políticos municipais era o silencio. Hoxe isto cambiou. Ao rematar o acto de presentación do Correlingua, Isaura Abelairas mantivo unha conversa cunha compañeira que se lle achegou a darlle unha copia do manifesto.
Solucións non ofreceu. Si unha morea de desculpas: o goberno central impídenos a contratación de persoal, este asunto non é da nosa competencia, en breve estará o cheque social...
Tras poñer en común a compañeira as (sin)razóns da concelleira, limos o manifesto e berramos lemas coma: “Renda Básica, XA” ou “Vivir dignamente é un dereito” para pechar a concentración dándolles as grazas a todas as participantes e sendo convidadas pola xente de IMÁN ao acto que van celebrar o xoves 16 de maio.
Achegamos o MANIFESTO lido na concentración:
Unha vez máis saímos á rúa convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) para denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha cidadanía cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Desta vez concentrámonos diante do concello, como xa fixemos a semana pasada, co obxectivo de denunciar a insoportable demora que nos últimos meses se está a dar na xestión das Axudas de Emerxencia Municipal (AEM), que teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. Debido ao “colapso” na tramitación destas axudas, na actualidade preto de 3000 unidades de convivencia están a agardar varias semanas ou mesmo meses por unha resolución que ata o de agora non se atrasaba moito máis de sete días, tardanza que tendo en conta a situación de extrema necesidade que padecen as persoas e familias demandantes das AEM resulta cruel e inasumible.
O pasado 25 de abril levamos a cabo unha asemblea aberta en torno a este problema á que estaban convidados Abel Caballero, Alcalde da cidade, e Isaura Abelairas, Concelleira de Política do Benestar, para que cumpriran coa súa obriga de informar e aportar solucións definitivas a este asunto. Sen embargo, nin acudiron ao encontro nin ofreceron explicacións de ningún tipo, polo que o 2 de maio, día no que tivo lugar o pleno no que se aprobaron os presupostos para 2014, achegámonos nós ao concello para denunciar publicamente a situación e esixir unha resposta inmediata.
Naquela ocasión aproveitamos para lembrarlles que, aínda que dende a alcaldía repiten ata a saciedade que vivimos nunha cidade fermosa, tamén vivimos nunha cidade famenta, na que un número inxente de persoas e familias carecen dos recursos económicos necesarios para facer fronte ás súas necesidades máis elementais, e que ante esta realidade ferinte os cartos públicos teñen que destinarse con absoluta prioridade a dar unha resposta inmediata e eficaz ao crecente empobrecemento que padece a cidadanía.
Sen embargo, hoxe, cando se cumpren dúas semanas dende aquela asemblea aberta á que os responsables políticos decidiron non acudir, seguen sen aportar solución algunha á terrible demora que estamos a denunciar. Por iso atopámonos outra vez ante o concello: para esixirlles ao alcalde e á concelleira que poñan enriba da mesa os recursos necesarios para resolver dunha vez por todas o “colapso” na tramitación das AEM, e que cumpran coa súa obriga de garantir que os cartos cheguen de xeito inmediato ás viguesas e vigueses que tanto as precisan.
Contra a exclusión, redistribución!
Dereitos Sociais para todas!
Renda Básica das iguais, XA!
Vigo, 9 de maio de 2014
---
Imaxes da concentración: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157644177059807
Vídeo da concentración: www.youtube.com/watch?v=dhhrN2zMuVI&feature=youtu.be