Tres meses. Ese é o tempo que levan agardando varias persoas que a finais de marzo entregaron no rexistro do Concello de Vigo unha solicitude de Axuda de Emerxencia Municipal (AEM). O silencio foi a resposta do departamento de Benestar Social a unhas demandas coas que buscaban cubrir necesidades tan básicas coma o pagamento de recibos de luz ou gas, as débedas do alugueiro, a compra de alimentos básicos.... Os responsables do departamento recoñecen ter moitos expedientes “atascados”, mentres o alcalde aproveita calquera declaración pública para falar da fartura de gasto social do seu goberno.
Coa lei na man, se no prazo de tres meses non hai resolución da AEM, a axuda considérase concedida, a tódolos efectos, por silencio administrativo. O concello está na obriga de estimar a solicitude pasado ese prazo, polo que non dubidedes en encher o modelo de alegación e entregalo no rexistro municipal coa copia da vosa solicitude de AEM.
En relación ás AEM nos últimos meses estamos a atoparnos con:
- Resolucións que non seguen a orde de entrada por rexistro.
- As axudas para pagamento de subministros só se están a conceder cando existe orde de corte (condición que non recollen as bases e que ata hai uns meses non se esixía).
- Estanse a denegar por sistema axudas para alimentos cando os solicitante conta con algún ingreso, aínda que sexa mínimo: RISGA, RAI, PNC... (criterio que tampouco recollen as bases e novidade en relación ás resolucións de meses anteriores).
- Ademais continúan os problemas para obter resgardo da solicitude nas UTS e os atrasos de máis de dous meses para ter entrevista coa traballadora social, motivados polos problemas denunciados polo persoal de Benestar Social do concello (fundamentalmente, escaseza de recursos humanos e materiais, e aumento exponencial das solicitudes).
Malia isto aquelas que teñades problemas para chegar a fin de mes, non dubidedes en presentar solicitude de AEM no rexistro do concello e recorrer no caso de non ter resolución nos tres meses que marca a lei.