Unha vez máis desexamos denunciar a insoportable demora que nos últimos meses se está a dar na xestión das Axudas de Emerxencia Municipal (AEM), que teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. Debido ao “colapso” na tramitación destas axudas, na actualidade preto de 3000 unidades de convivencia están a agardar varias semanas ou mesmo meses por unha resolución que ata o de agora non se atrasaba moito máis de sete días, tardanza que tendo en conta a situación de extrema necesidade que padecen as persoas e familias demandantes das AEM resulta cruel e inasumible.
Pois ben, os responsables municipais, cando lles esiximos que cumpran coa súa obriga de solucionar de xeito inmediato este problema, limítanse a poñer escusas para eludir a súa incuestionable responsabilidade.
Recollemos de seguido as falsas razóns que aducen, contraargumentando as mesmas para que quede claro que se non solucionan dunha vez por todas o asunto é porque non queren:
- “O GOBERNO ESTATAL NON PERMITE A CONTRATACIÓN DE NOVO PERSOAL”
Falso.
Si é certo que dende o 2011 as sucesivas leis de orzamentos xerais do estado conteñen unha limitación xeral aos gastos de persoal ao servizo das Administracións Públicas, incluída a administración local. Pero non é menos certo que, tamén dende ese ano, e máis concretamente na vixente Lei 22/2013, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2014, permítese no artigo 21.2 a contratación de persoal temporal ou de funcionarios interinos para cubrir necesidades urxentes e inaprazables para os sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten ao funcionamento dos servizos públicos esenciais.
Pois ben, sen dúbida algunha, procurar que as familias da cidade poidan chegar a fin de mes, evitar un desafiuzamento ou un corte de luz, dar de comer aos fillos..., e, en fin, subsistir supón dar resposta a unha “necesidade urxente e inaprazable”. Do mesmo xeito, resulta indiscutible que o actual estado de atranco e saturación das UTS e do Departamento de Benestar Social está a afectar moi seriamente ao funcionamento dun “servizo público esencial” ou que as políticas de benestar social deben considerarse unha “función prioritaria” para este e todos os Concellos.
En calquera caso, o problema da saturación debido á falla de persoal non é nada novo no Concello de Vigo, que ven superando dende hai anos a ratio de traballadoras sociais por habitante en máis do dobre.
- “O CONCELLO NON TEN COMPETENCIA EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS. A ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA É A QUE TEN QUE ENCARGARSE DAS SITUACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL”.
Falso.
Ate o 1 de Xaneiro de 2014 os servizos sociais eran competencia case exclusiva dos Concellos. Coa entrada en vigor da Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración Local, que modificou a Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, limítanse esas competencias, establecendo como competencias propias e obrigadas dos Concellos (artigos 25 e 26): “A avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.” (Esta disposición entra en vigor o 1 de xaneiro de 2016).
Unha vez máis falla a verdade o Concello, xa que a chamada atención primaria, isto é, esa atención inmediata en situacións de exclusión social ou risco dela, segue a ser competencia propia e obrigatoria do Concello de Vigo.
- “EN BREVE ESTARÁ O CHEQUE SOCIAL”.
Falso.
Se tomamos como referencia a experiencia do ano pasado, as persoas máis empobrecidas da cidade terán que agardar -no caso de cumprir os requisitos- ata final de ano polos cartos.
Os orzamentos de 2014 están aprobados, pero pendentes dos trámites que permitan a súa execución. Os responsables da concellería de Benestar Social -este ano si vai xestionar a convocatoria- din estar traballando na elaboración das bases, pero semella que ata finais de verán non abrirán a convocatoria.
Este ano o chamado “cheque social” divídese en tres partidas: unha para alugueiro de vivenda, outra para alimentos e a terceira nomeada “contra a carencia enerxética”. Lembramos que a partida pasa de 3,2 millóns a 2 millóns de euros e que o ano pasado só algo máis de 1200 solicitudes cobraron o cheque.