cheque social

Primeira semana de setembro e aínda están sen resolver as axudas do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación”, o coñecido como “cheque social”.

O artigo 13.5. das bases desta convocatoria sinala que “o prazo máximo para resolver e publicar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres (3) meses, contado desde a publicación da convocatoria no BOP”, pero todo indica, segundo sinalan responsables de benestar social, que, como xa aconteceu o ano pasado, incumprirán o establecido nas bases e a resolución non estará para o 17 de setembro, data na que expira dito prazo.

O luns 30 o colectivo Imán organiza unha charla informativa baixo o título: Axudas sociais municipais. Axudas de Emerxencia Social e o novo "Cheque Social".

Comezará ás 11h00 no centro cívico do Casco Vello na rúa Oliva 12.

A charla estará conducida pola nova compañeira Esther Lora, avogada e activista social.

Achegamos o texto que elaboramos para a concentración de hoxe diante do concello de Vigo:

Fronte á esmola do Cheque Social esiximos dereitos: Renda Básica!

Hoxe volvemos ao Concello de Vigo respondendo á convocatoria da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, da Parroquia Cristo da Victoria e do Grupo de Axitación Social (GAS) co obxectivo de continuar coa recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. Trátase, sobre todo, de informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, pero tamén, coma moitas outras veces, de saír á rúa para denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

A ODS-Coia, a Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social volvemos á praza do Rei, nesta ocasión cun acto de recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica. Será o venres 27 de xuño de 10:00 a 13:00 ás portas do Concello de Vigo.

O lema deste acto de recollida de firmas é: Fronte á esmola do "Cheque Social" esiximos dereitos: Renda Básica! No escrito de valoración do "cheque social" titulado: "O cheque social ou como nos dan gato por lebre" declarabamos que para nós "este programa resulta totalmente insuficiente e inxusto, non só pola evidente e mesmo insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo tanto no que ten que ver cos ingresos máximos das persoas potencialmente beneficiarias, como nos anos de empadroamento esixidos."

Dende hoxe e ata o 14 de xullo pódense entregar no rexistro do concello de Vigo a solicitude do coñecido como "cheque social". Hai uns días publicabamos un texto no que faciamos unha valoración desta convocatoria bautizada como "Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación- 2014”.

Tedes a valoración que fixemos na entrada titulada "O cheque social ou como nos dan gato por lebre".

As solicitudes, no caso de entregar a documentación completa, pódense entregar ademais de no rexistro na UTS de Coia e de Rivera Atienza. E no concello en horario de tarde (pensamos que de 16:30 a 18:30) tamén informan e recollen solicitudes.

Tras analizar as bases do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación- 2014”, coñecido como “cheque social”, aprobadas en Xunta de Goberno extraordinaria o pasado 30 de maio, sentímonos na obriga de denunciar que, como resposta do Concello de Vigo ante o empobrecemento brutal que está a padecer a cidadanía, este programa resulta totalmente insuficiente e inxusto, non só pola evidente e mesmo insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo tanto no que ten que ver cos ingresos máximos das persoas potencialmente beneficiarias, como nos anos de empadroamento esixidos.

No contexto dunha situación de precariedade e empobrecemento crecentes da poboación, con 35.000 persoas desempregadas e 3.000 expedientes de axudas de emerxencia municipais bloqueados, a diminución do orzamento en máis dun 40% e o endurecemento das esixencias para acceder a estas axudas resulta dunha falta de sensibilidade e unha irresponsabilidade abraiantes.