Achegamos o texto que elaboramos para a concentración de hoxe diante do concello de Vigo:
Fronte á esmola do Cheque Social esiximos dereitos: Renda Básica!
Hoxe volvemos ao Concello de Vigo respondendo á convocatoria da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, da Parroquia Cristo da Victoria e do Grupo de Axitación Social (GAS) co obxectivo de continuar coa recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. Trátase, sobre todo, de informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, pero tamén, coma moitas outras veces, de saír á rúa para denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Por iso escollemos o lema “Fronte á esmola do Cheque Social esiximos dereitos: Renda Básica!”: porque queremos lembrar que fronte á realidade de terrible inxustiza social que está a padecer a cidadanía, as respostas do Concello de Vigo, e tamén da Xunta de Galicia, están a ser parciais e ineficaces.
No eido local, non temos máis que botar unha ollada ao publicitado cheque social, ao que facemos alusión no lema da convocatoria, ou ao mal funcionamento das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) para constatalo. Con respecto ao primeiro, temos denunciado recentemente que na nosa opinión este programa resulta totalmente insuficiente e inxusto, non só pola evidente e mesmo insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo tanto no que ten que ver cos ingresos máximos das persoas potencialmente beneficiarias, como nos anos de empadroamento esixidos. E no que atinxe ás AEM, o panorama non é mellor, co colapso máis absoluto na tramitación, con persoas agardando máis de tres meses pola resolución, e coa aplicación de criterios máis restritivos que o establecido polas propias bases, no referente, por exemplo, ao pago de recibos (só se hai orde de corte) ou á concesión de axudas para alimentos (unicamente a persoas con ingresos cero).
No que á Xunta de Galicia se refire, a crúa realidade da RISGA (longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, escasa cobertura, contías mínimas...) está a agravar dun xeito intolerable a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia. E o acordo parlamentario publicado o 12 de xuño no Boletín Oficial do Parlamento, no que se insta á Xunta a que axilice a tramitación da RISGA e das axudas de inclusión social para cumprir os prazos que marca a normativa vixente, non fai senón demostrar que se está a incumprir sistematicamente o establecido pola lei.
Fronte a estas propostas ineficaces e inxustas do Concello e da Xunta en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento; fronte a estes modelos de axudas e “rendas ou salarios de pobres; en definitiva, fronte ás AEM e aos cheques sociais, fronte á propia RISGA..., defendemos a necesidade da Renda Básica das Iguais, concibida como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais. Fronte a estas propostas subsidiarias e restritivas, familiares e condicionadas, a Renda Básica ten carácter universal, persoal e incondicional. A Renda Básica é suficiente e digna; as outras, escasas e miserables. Finalmente, a Renda Básica é un instrumento máis de xustiza e redistribución da riqueza, mentres as actuais propostas supoñen un instrumento de fiscalización, exclusión e perpetuación da esmola asistencial.
Por todo o exposto, presentamos esta Iniciativa Lexislativa Popular que establece o dereito á Renda Básica, é dicir, o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas; un dereito individual, universal e incondicional, cunha contía equivalente ao limiar da pobreza (645,33 €/mes) e cunha aplicación gradual en dúas fases: de xeito inmediato trala aprobación da Lei para todas as persoas que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos, e tamén para aquelas cuxas rendas sexan inferiores á contía da Renda Básica; e nunha segunda fase, para o resto da cidadanía.
Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA, XA!
Vigo, 27 de xuño de 2014
ODS-Coia | Parroquia Cristo da Victoria | Grupo Axitación Social