concentración

Pasan as semanas e dende o concello os responsables políticos: alcalde e concelleira de benestar social dan a calada por resposta perante o atasco das axudas de emerxencia municipais.

Semella non lles importar os atrasos insoportables que teñen que padecer as persoas que buscan nestas axudas unha saída ao problema que trae para moita xente a insuficiencia de recursos para cubrir as necesidades básicas.

Por iso este VENRES 9 de maio, ás 11h00, a ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e parroquia do Cristo da Victoria convocamos unha CONCENTRACIÓN ás portas do CONCELLO perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipal.

Contra a exclusión, redistribución! Dereitos Sociais para todas!

Renda Básica das iguais, XA!

Hoxe o concello celebraba un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para 2014. Ao mesmo tempo a praza do rei acollía dúas concentracións: unha reclamando dereitos sociais e outra da veciñanza de Teis a propósito do conflito polo centro cívico do barrio.

Convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) concentrámonos ás portas da casa consistorial para denunciar, unha vez máis, a vergoñenta e insoportable demora que están a padecer as solicitantes de Axudas de Emerxencia Municipal (AEM). Lembramos que estas, teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. O atasco de máis de 2000 solicitudes nas dependencias de benestar social está a provocar que a resolución das AEM -que antes resolvíanse en algo máis de sete días- agora alónguense no tempo. Isto deixa a moitas persoas sen respostas a problemas tan graves como: o pago da vivenda ou de subministros básicos, a compra de alimentos básicos...

Xa anunciaramos na convocatoria do 25 de abril que Se Mahoma non vai á montaña... iriamos nós onda eles. Por iso o VENRES 2 de maio, a partires das 10h00, a ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e parroquia do Cristo da Victoria convocamos unha CONCENTRACIÓN ás portas do CONCELLO. E de novo convidamos ao alcalde e á concelleira a que ofrezan solucións ante os atrasos das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM).

Abel Caballero e Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social néganse a explicar os motivos do colapso que sofre o departamento de servizos sociais do concello de Vigo. A calada por resposta. Mentres máis de dúas mil solicitudes de AEM están sen resolver. Igual que os problemas de moitas persoas, que acudimos a estas axudas para tratar de buscar vieiros polos que saír do empobrecemento que nos afoga.

Desempregadas ou con empregos precarios, sen pensións ou con elas recortadas, sen prestacións, sen axudas sociais... así temos que vivir, ou máis ben sobrevivir.

A ODS-Coia, a parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (G.A.S.) convocamos o vindeiro mércores 26 de marzo unha concentración diante da Xunta de Galicia baixo o lema: Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!

Comezaremos a partires das 11:00 diante das portas do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (r/Concepción Areal 8). No acto faremos unha representación, da que so podemos adiantar que terá que ver con esta nova: "A Xunta subvenciona carriños de golf aos clubes".

Mentres a Xunta malgasta os cartos de todas, a maioría das galegas malviven no medio da riqueza duns poucos, e cunhas políticas sociais que son pura esmola ou caridade.

Hoxe 23 de outubro ducias de persoas convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) quixeron celebrar publicamente o Día contra a riqueza. A riqueza acumulada nas mans duns poucos, unha riqueza que non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida.

Con motivo deste Día contra a riqueza, concentrámonos ás 11:30 horas na Praza do Rei baixo o lema “Menos rollos, máis solucións”. Todas as persoas que alí estabamos fomos envoltas cun rolo de papel por dúas personaxes caracterizadas como o Alcade de Vigo, Abel Caballero, e o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, quedando de manifesto que a súa resposta ás demandas xustas da cidadanía máis empobrecida non son máis que “rollos”, nunca solucións.

Posteriormente procedemos a ler un manifesto no que, por unha banda, presentamos a Iniciativa Lexislativa Popular estatal por unha Renda Básica; e por outra, esiximos unha vez máis ao Concello de Vigo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social e, en concreto, que permitan ás persoas que solicitan ditas axudas que presenten por escrito as solicitudes nas UTS, mediante formulario normalizado e conservando unha copia selada.