A Asemblea por un Vigo +Social critica o elevado gasto previsto un ano máis para o alumeado de Nadal, mentres seguen sen atenderse as necesidades reais da cidadanía viguesa. Para isto convocan unha rolda de prensa baixo o lema #AlumeandoAMiseria este venres 23 de novembro ás 11:30 na farola de Urzáiz. En dito acto darán conta das actividades que van realizar nesta campaña de nadal que reúne a persoas que defenden un Vigo máis social.
O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal para que non vexamos a miseria e o sufrimento que as política sociais provocan na cidadanía. A Asemblea por un Vigo +Social vén de denunciar o elevado gasto previsto para o alumeado das próximas festas na cidade, un gasto que supera o millón de euros, mentres seguen sen atenderse “problemas tan reais” como a suba constante dos prezos dos alugueiros ou a pobreza enerxética, dramas que afectan a centos de familias viguesas.
“O Concello prefire esa iluminada realidade inventada, de falsa felicidade, onde só contan os intereses privados, a economía de traballos lixo ligados ao turismo e a imaxe de que todo vai moi ben, no que parece ser unha campaña electoral que nunca remata para o equipo de goberno municipal”, alertan desde a asemblea, que convocou unha rolda de prensa o próximo 23 de novembro, ás 11.30 horas na Farola de Urzáiz, para esixir “que se priorice a vida, a xustiza social e as necesidades das persoas por riba das banalidades, os adornos e os intereses privados”.
A este respecto, sinalan que os servizos sociais máis básicos están hoxe en mans de grandes empresas privadas, que resultan as máis beneficiadas polas políticas do goberno municipal, como exemplifican as millonarias indemnizacións pagadas nos últimos anos aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar de Vigo. “Ao mesmo tempo, na nosa cidade, a real e escura, a non iluminada, as veciñas non reciben axuda debido á suposta insuficiencia de orzamento por parte do Concello”, apuntan desde a Asemblea por un Vigo +Social.
Unha cidade 'escaparate'
“Non hai cartos nin vontade para combater problemas tan reais como a suba constante dos prezos dos alugueiros e a dificultade de moitas de nós para acceder a unha vivenda digna, para combater a pobreza enerxética, para impedir o peche da oficina de atención ás migrantes ou o recorte de persoal nos Servizos Sociais”, engaden desde o colectivo. Consideran que no actual modelo de cidade 'escaparate' só teñen cabida as persoas con capacidade de participar no consumismo de Nadal, excluíndo máis ás empobrecidas. “As institucións públicas, supostamente creadas e destinadas a garantir unha vida digna para todas, prefiren deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica”.