Xunta

A ODS-Coia xunto a xente do GAS (Grupo de Axitación Social) lanzamos unha campaña que leva por título: "Fronte a crise máis dereitos sociais e para todas":

Hai tempo que vimos sufrindo e denunciando as miserias que pasamos para ter uns ingresos mínimos en medio da riqueza duns poucos. No Estado Español a política de rendas mínimas, que regula as prestacións coñecidas aquí como RISGA, está en mans das comunidade autónomas pero iso non debe servir de escusa para xustificar as enormes diferenzas entre territorios.

Hai uns días Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar, anunciou que se bloquearán as axudas á dependencia ás persoas con expediente en tramitación ata que o financiamento "no llegue" ao Goberno Galego.

O que queda claro disto e que a quen non nos chegan as axudas, malia ter recoñecido o seu dereito, é a nós. Os recortes, baixo o paraugas da crise, deixaron en nada a tan anunciada Lei de Dependencia que viña a solucionar as penurias daquelas persoas que por enfermidade ou minusvalía non puideran levar unha vida autónoma.

Noutras ocasións temos denunciado os retrasos á hora de tramitar e resolver as axudas sociais da Xunta de Galicia: RISGA e AES. A cousa parece que non cambia, senón que vai a peor, segundo infórmannos traballadoras da unidade de RISGA de Vigo.

As AES (Axudas de Emerxencia Social que veñen a cubrir problemas de vivenda, de saúde básica...) neste momento están paralizas por falla de cartos, polo que moitas persoas e familias teñen que engadir aos tempos de espera na tramitación e resolución -en Vigo máis de seis meses de media- este novo retraso ao non ter a Xunta cartos para estas axudas.