A ODS-Coia xunto a xente do GAS (Grupo de Axitación Social) lanzamos unha campaña que leva por título: "Fronte a crise máis dereitos sociais e para todas":
Hai tempo que vimos sufrindo e denunciando as miserias que pasamos para ter uns ingresos mínimos en medio da riqueza duns poucos. No Estado Español a política de rendas mínimas, que regula as prestacións coñecidas aquí como RISGA, está en mans das comunidade autónomas pero iso non debe servir de escusa para xustificar as enormes diferenzas entre territorios.
Deste xeito a maior cobertura a teriamos en Euskadi coa chamada Renta de Garantía de Ingresos (RGI) que a perciben máis de 55.000 familias. Alí a RGI está recoñecida como un dereito subxectivo e a súa contía mínima supera os 650 €/mes para unha persoa.
Por outra banda, en Galiza temos a Renda Integración Social de Galicia (RISGA) que perciben menos de 5.000 familias e que para unha persoa a contía mínima para este ano está fixada en só 400 €/mes. Un ano no que pretenden acometer unha reforma da RISGA dende a Xunta, é un bo momento para esquecer os parches e comezar a eliminar esas diferenzas, e mesmo tomar exemplo doutros estados como o alemán que están a debater seriamente a implantación dunha renda básica xeneralizada, fronte a insuficiencia dos subsidios de paro e de pobreza para garantir unha vida digna.
A todo isto engadimos o espectáculo político (e promesas de precampaña) que quere agochar, detrás de cifras e datos, o empobrecemento de moitas na cidade máis próspera de Galiza.
Algúns deses problemas dos que non se fala son:
- O atraso nas tramitacións de prestacións sociais básicas. Nestes momentos en Vigo hai que agardar ao redor dun mes para ter cita coa traballadora social, ao que hai que sumar o atraso de oito meses de media até que chegas propiamente a recibir os cartos da RISGA. Pola contra, os que non paran nin sofren atrasos son os procesos de desafiuzamento provocados polo empobrecemento que chegaran a facer 600 só no ano 2010 en Vigo.
- A insuficiencia/opacidade das axudas económicas do concello. Esas axudas serven para facer fronte aos gastos da vivenda, alimentos... e as conceden os servizos sociais. O peor é que non existen criterios claros de acceso e que as axudas son lentas, escasas e dependen do criterio profesional da traballadora social do concello que habitualmente está desbordada coas peticións de persoas agoniadas pola situación económica. Esta semana anunciaron dende benestar que pasan de 11 a 17 o número de UTS (Unidades de Traballo Social), malia esta baixada -agora 17.500 cidadáns por traballadora social- tememos que estas reformas non significarán unha mellora importante en relación a situación que sufrimos agora.
Por todo isto esiximos que a reforma da RISGA introduza, cando menos, un aumento significativo das contías, partidas de orzamentos seguras, a redución dos prazos de tramitación...
Non esquecemos que, a pesar destas peticións, o noso horizonte é a implantación dunha Renda Básica das Iguais (que sexa individual, universal e incondicional), que redistribúa unha riqueza creada colectivamente e que nestes momentos está en mans dunhas poucas fortunas.
Oficina de Dereitos Sociais – Coia | Grupo de Axitación Social
Vigo, marzo 2011