cadea humana

Coa cadea humana do domingo puidemos ver que a xente de Coia e da cidade está disposta a loitar polos dereitos sociais, no caso do domingo baixo o berro colectivo: Os cartos de todas para todas!

A diferencia doutras ocasións a cobertura dos medios foi bastante ampla, tanta no ámbito local como estatal. Dentro deste traballo queremos destacar o feito polas compas de Galiza contrainfo que cubriron o acto cunhas fotos (aquí) e video (aquí) moi chulos.

Hoxe 15 de decembro ás 13:15 horas centos de persoas, convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), formaron unha cadea humana que saíu da Parroquia Cristo da Victoria e avanzou ao longo da Avenida Castelao baixo o lema “Os cartos de todas para todas!”, co obxectivo de esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. A cadea humana culminou o seu percorrido coa lectura do seguinte manifesto:

Os cartos de todas para todas! O dicimos na rúa, o dicimos con razóns, o dicimos colectivamente e non pararemos ata que os poderes sintan que roubarnos as nosas vivendas, a nosa saúde, a nosa educación, as nosas pensións, os nosos dereitos, as nosas VIDAS… non lles vai ser doado. Só en Galiza hai máis de 650.000 persoas por baixo do limiar da pobreza, mentres unhas poucas familias acumulan a riqueza de todas de modo insultante. Pero a crúa realidade que vivimos pode ter outra cara se somos quen de aglutinar forzas que traballen arreo pola transformación radical deste sistema asasino.

Os cartos de todas para todas! Seis palabras, que tentan explicar unha idea sinxela, que semella que para os poderes non o é tanto.

Temos a experiencia de a mobilización social e a constancia son sinónimo de conquistas sociais. Por iso, como hai un ano, volvemos a chamar á nosa veciñanza (do barrio e da cidade) a unirse nunha cadea humana para esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. Xuntas somos máis fortes fronte a uns poderes que enchen os petos cos cartos que apañan dos nosos salarios, das nosas pensións, da nosa educación, dos servizos sociais...

Achegamos o texto da convocatoria de cadea humana para este domingo en Coia (diante da parroquia do Cristo da Victoria) a partires das 13h00:

“POLO DEREITO A VIVIR CON DIGNIDADE”. ESIXIMOS O INCREMENTO DO GASTO SOCIAL NOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2013

Hai tempo que á Oficina de Dereitos Sociais de Coia e á Parroquia Cristo da Victoria se veñen achegando cada vez máis familias que, no contexto diso que deron en chamar crise económica, experimentaron un progresivo empeoramento das súas condicións de vida ata o punto de que non son quen de satisfacer as súas necesidades máis elementais. Familias que, desesperadas porque non atopan unha resposta xusta das administracións (que son as que teñen a obriga de velar por que sexan respectados os seus dereitos básicos), acoden a outros espazos, coma o noso, na procura de solucións ao empobrecemento crecente que padecen.