Obviamente o titular é falso. O dicimos na primeira frase para que ninguén leve a engano. Xa nos gustaría que moitas máis na Galiza e no Estado Español apostaran pola Renda Básica das iguais (RBis) como ferramenta para reorganizarmos a vida dende abaixo cunhas mínimas condicións para todas. Malia a nosa posición, avisamos que seguiremos teimudas nunha loita que desexamos que sexa compartida e que leve dentro moitas máis.
Luis González Reyes, Yayo Herrero (por citar só uns nomes) vaticinan que o sistema lévanos ao colapso, a un gravísima crise que pagaremos con máis crueza as empobrecidas. Como agora, pero peor. Porén, non ficamos inmobilizadas polos augurios xa que precisamos movementos, resistencias, abrir reflexións que posibiliten saídas colectivas a esta tolemia do capitalismo.
En fronte temos, tamén teimudo,ao poder. Eles seguen a recuncar en medidas que afondan na desigualdade desbotando os indicios. Deste xeito, seguen a presentar parches ou esmolas como únicas estratexias posibles para xestionar a pobreza. Os mesmos responsables (ou colaboradores) do noso empobrecemento aparecen, así, como “os nosos salvadores”.
Seica en breve, algunhas din que antes de rematar 2017, a Consellería de Política Social vai publicar o decreto que desenvolve a RISGA (Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia). Case tres anos e medio de excepción na xestión desta faragulla. O están a facer á calada, non sabemos do borrador e das sorpresas que poden vir con el.
Moitas vimos denunciando a opacidade e a xestión a golpe de instrucións opacas desta axuda. Pero medo temos, dun documento -que de seguro virá anunciado con bombo e prato- que lonxe de ampliar o catálogo de dereitos sociais vai pór na escrita máis restritividade e control. Teremos que escoitar que non paran de medrar o orzamentos da RISGA, tentado facer esquecer que para iso as Axudas de Inclusión Social están en suspenso ou, máis grave, que esta renda apenas chega a un pequeno número de galegas que malviven na pobreza.
Ante isto, seguiremos a nós organizar, a visualizar o seu desastre de políticas, os seus negocios coas nosas necesidades, a inviabilidade dun sistema que sustentado en aniquilarnos e en responsabilizar aos individuos do fracaso, que para a maioría, supón este sistema.
Exisimos dereitos para todas, estamos fartas das faragullas, da xestión da miseria, de negocios coa nosa miseria e necesidades. Por iso: Renda Básica das iguais e moito máis!
Vigo, novembro 2017