Vía libre para os negocios de Aqualia, vía executiva para os fogares empobrecidos

A auga da moito cartos. Moitos para as grandes transnacionais, uns poucos para os gobernos municipais que a venden como unha mercadoría máis. Un modelo de xestión que permite aos concellos financiarse malvendendo este ben común, igual que o fan con tantos outros. Cos cartos no peto, pouco importa a supervisión dos contratos ou, o máis importante, que todas as veciñas teñan garantido o dereito a auga.

No caso de Vigo, Aqualia goza dunhas condicións moi beneficiosas para facer negocios. Caballero coa prórroga do contrato até 2020 apañou cartos para seguir facendo “humanizacións” sen lle importar que temos auga cara e que Vigo fica sen ordenanza que garanta exencións no pagamento para fogares sen recursos.

A maiores disto, cando nos últimos meses comezamos a denunciar os cortes de auga ou os negocios de Aqualia coas nosas necesidades Caballero sae á palestra para defender a empresa. En varios roldas de prensa: nega os cortes de auga, nega información á veciñanza e á Valedora do Pobo, anuncia medidas “pantasma”, insúltanos... E mentres Aqualia segue facendo beneficios.

Nas últimas semanas a empresa sorprendeunos cunha notificación. Unha veciña, con varias facturas atrasadas que derivaron nun aviso de corte, púxose en contacto coa concesionaria para evitar o corte e para comunicar que non tiña capacidade para saldar a débeda. Os escasos euros da RISGA non dan para todo...

A empresa, moi amigablemente, respondeulle que rachara co aviso de corte e que xa terían novas. Pasadas tres semanas reciben unha notificación na que lle comunican que de non pagar a factura máis antiga, de finais de 2015, procederían a enviala ao concello para que este a cobre por vía executiva. Negocio redondo para Aqualia: para eles os bos clientes, os que pagan; para o concello os morosos que serán castigados con procedementos administrativos para esixirlles os pagamentos da taxa.

Mentres isto acontece Regades responde, de novo, con trolas dicindo:

- “Aqualia non corta a auga a ningún cidadán que non poida pagar por razóns de renda acreditada”. Temos constancia de veciñas que sufriron cortes nas últimas semanas á vez que empresa e concello néganse a facer públicos os datos dos cortes de subministración nos últimos anos. Até tres veces solicitou información a Valedora do Pobo sen polo momento teren resposta.

- “A concesionaria formaliza plans de pago adecuados á situación dos usuarios”. Moitas veciñas non chegan até as afastadas oficinas da rúa Cantabria ao non teren recursos cos que poder pagar facturas e polo tanto tampouco plans de pagamento. A empresa non teñen un protocolo para isto, polo que non hai acordo, hai imposición da empresa das condicións.

- "No propio Concello de Vigo existen mecanismos de axudas que cubren os costos dos recibos de auga de aqueles cidadáns que non poden facer fronte ao seu pago". O “cheque social” non cubre facturas de auga e as axudas de emerxencia municipais apenas resolven os cortes de auga ao tramitarse con lentitude, opacidade, restritividade e sen garantías.

Porén os titulares só recollen anuncios de “app’s” e de medidas propagandísticas que en nada mudan a crúa realidade daquelas veciñas que son privadas dos mínimos para unha vida digna. Fronte a isto seguiremos a denunciar, seguiremos a loitar!

Abonda xa de negocios coas nosas necesidades! Auga para todas!

Xullo 2016

ODS-Coia