Este novo ano 2015 trae á xente de Vigo a Guía de Axudas Sociais. Información ao servizo das persoas! Unha nova ferramenta para axudarnos a afrontar esta vida de crises e privacións que afecta todos os ámbitos das nosas vidas.
A guía de axudas sociais foi elaborada pola xente da ODS de Coia para que as persoas que o precisan poidan manexarse co muro de burocracia e recortes que as administracións opoñen á xente de todo tipo. Xente que nestes momentos necesita solicitar esas axudas públicas, axudas que son dereitos que todas temos e que ás veces parece que os gobernantes nolas presentan como caridade.
As axudas, moi ao contrario de como nolas presentan, son dereitos a reclamar; e máis agora, precisamente cando o sistema parece disposto a varrernos debaixo da alfombra, como persoas excluídas do sistema de produción e explotación, cando o noso nivel de consumo xa non conta e a nosa forza de traballo parece xa non ser necesaria. O empobrecemento da sociedade é froito dunha economía construída sobre a especulación, o esgotamento dos recursos naturais e a explotación das persoas; isto fai que o "mercado laboral" precise tamén unha lexión de paradas como ameaza permanente que permite empeorar as condicións laborais.
Fronte a ese abandono e culpabilización individual que o capitalismo nos ten reservado, nós opoñemos a solidariedade, a colaboración e a loita colectiva. Ese é o labor que durante anos leva facendo a ODS de Coia, asesorar desinteresadamente sobre axudas públicas e acompañar, cando se precisa, as persoas solicitantes; leva a cabo un labor de concienciación e denuncia na sociedade sobre o insuficientes que son os cartos públicos destinados a garantir unha vida digna e sobre o inxustas que son as esixencias para a concesión das axudas etc.
Dese traballo xorde esta guía, da reflexión e colaboración entre as persoas que precisan a axuda dos cartos públicos para a dignidade e as necesidades humanas, sen caridade nin paternalismos, para tomar conta das nosas vidas.
Xaneiro 2015
GAS