Hoxe 22 de xaneiro, un grupo de veciños e veciñas da cidade presentámonos no despacho da xefa das traballadoras sociais do concello de Vigo ante a falta de resposta á petición das bases das axudas económicas de emerxencia. Peticións que fixeron persoas diferentes e en varias ocasións, as últimas nos meses de outubro e novembro do pasado ano.
Pese a non levar cita fomos atendidos e saímos coas citadas bases, que achegamos como arquivo .pdf nesta entrada. A técnica manifestou que non sabía nada desas peticións, que as bases para 2013 aprobáronse en xunta de goberno hai uns días e que eran públicas. A rapidez e sinxeleza da entrega de hoxe, choca co silencio ás peticións feitas por escrito.
Aproveitamos tamén o intercambio para manifestar que o empobrecemento non para de medrar na cidade e especialmente en barrios como Coia, e que aínda que nos digan que non hai cartos para cubrir as nosas necesidades básicas nós sabemos que si existen e que só con vontade política pódese mudar esta situación.
Ao saires entregamos por rexistro este escrito que resume as peticións deste grupo:
Como veciñas e veciños desta cidade acudimos hoxe ao concello, á nosa casa, porque aínda que a primeira obriga dos nosos gobernantes é garantir unhas condicións de vida digna para todas as persoas, o noso concello semella ter decidido non ver, non escoitar e non falar ante as inxustizas que nos rodean.
Non ver a precariedade que padecemos moitas de nós, vítimas dunha burocracia interminable para acceder ás axudas de emerxencia social, que resultan sempre demasiado escasas e insuficientes; non escoitar as nosas reinvindicacións cando saímos á rúa para expresar a nosa indignación...; e nin sequera falar connosco, darnos explicacións sobre por que, como, con que criterios e en que circunstancias concede as axudas económicas de emerxencia, que son para moitas de nós indispensables para ter unhas mínimas condicións e poder vivir dignamente.
Isto é o que, no contexto dunha reivindicación máis ampla, vimos reclamar hoxe aquí: en reiteradas ocasións temos demandado dita información vía rexistro e non atopamos por parte do concello máis resposta que o silencio. Un silencio humillante e, por iso mesmo, intolerable, porque pretende silenciarnos, anular como cidadás precisamente ás persoas máis vulnerables da nosa veciñanza. Quen deberían ser os primeiros semella que seguen a ser, para os nosos gobernantes, os últimos...
Por todo isto, unha vez máis, dirixímonos hoxe publicamente á administración máis cercana, o Concello de Vigo, para esixirlle en primeiro lugar que nos faga chegar dunha vez por todas a información requerida e para que, en último termo, reparta a nosa riqueza de xeito que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que sirva para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas. Esixímoslle, en definitiva, que cumpra coa súa obriga de garantir a través dos recursos comúns os dereitos fundamentais das veciñas e veciños da nosa cidade.
Vigo, 22 de xaneiro de 2013
[a nova recollida no Faro de Vigo: farodevigo.es/gran-vigo/2013/01/24/denuncian-silencio-concello-ayudas-emergencia-social/745676.html]