A onda privatizadora dos servizos sociais leva anos con ritmo acelerado. Na Galiza e Vigo non somos alleos a esta realidade. En Vigo temos numerosos exemplos, por citar dous: Domusvi xestiona residencia que a Xunta abriu en Barreiro nos últimos anos e CLECE xestiona o servizo de axuda no fogar municipal tras gañar o concurso.
Nesta deriva, Vigo é cidade avantaxada. A pasada semana, o alcalde falaba dos 19 millóns de euros que o concello vai destinar a políticas sociais no ano 2020. Na súa declaración nada dixo de Florentino Pérez, un dos grandes favorecidos da política municipal dos últimos anos. El, grazas a CLECE unha das súas empresas, é un dos grandes beneficiados da concellería que dirixe Yolanda Aguiar. Case 8 millóns de euros, dos 19 que vai destinar o goberno a políticas sociais van ás mans deste empresario. Os programas que xestiona CLECE na cidade de Vigo en 2020 son:
- O servizo de axuda no fogar: 6,38 millóns de euros ao SAD
- Programa socioeducativo e de apoio familiar: 710.000 euros
- Parte do cadro de persoal de CEDRO, a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo: 800.000 euros
Datos, aos que temos que engadir que Vigo ten un gasto social cualificado como “precario”, con 47,8 €/habitante, pola “Asociación de Directoras y Gerentes de Servicios Sociales”. Unha precariedade que unida a que unha gran parte de servizos e programas sociais municipais están subcontratados, ten como resultado que dos escasos cartos destinados a estas políticas moitos deles quedan, polo camiño, nos petos de grandes grupos empresariais ou de intermediarias.
Fronte a esta realidade esiximos a aposta polo público, polo común, polo que é de todas. Iso pasa por pular para recuperar estes programas dando entrada a unha xestión máis próxima e que axude a crear comunidade a través da consolidación de dereitos.
Cómpre reverter estes contratos -que en moitos casos están cheos de incumprimentos, de explotación laboral e/ou de servizos precarios- para evitar que os nosos cartos e necesidades sirvan para encher os petos dos grandes capitais. Mais non só iso, facemos unha chamada á reflexión de todas aquelas que andamos na procura de vieiros de satisfacer necesidades básicas desde outras lóxicas, nas que o comunitario prevaleza sobre outras respostas.
Decembro 2019
ODS-Coia