Froito das presións que nos últimos meses viñan exercendo a ODS-Coia, a Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), no primeiro trimestre do ano o concello de Vigo, a través da concelleira Isaura Abelairas, anunciou mudanzas na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM), co obxectivo de corrixir a ausencia de procedemento coa que viñan funcionando as mesmas.
Dende hai unhas semanas implementáronse ditos cambios, en virtude dos cales agora é posible solicitar as AEM a través do rexistro municipal (con modelo oficial) e nas propias Unidades de Traballo Social (UTS).
A experiencia compartida destas semanas deixounos algo desconcertadas, polo que solicitamos ao xefe de servizo do departamento de benestar social do concello de Vigo que nos aclarase algunhas dúbidas en relación ao novo funcionamento das AEM.
Compartimos agora o que nos dixo:
En primeiro lugar, afirmou que a totalidade das solicitudes se farán a través dun mesmo modelo e pasarán polo rexistro do concello, e que nos casos nos que a solicitude sexa presentada en administración na UTS correspondente, se facilitará xustificante, aínda que a data de validez será a do paso polo rexistro.
Preguntado acerca de se as traballadoras sociais das UTS poden recibir solicitudes de AEM e dar resgardo selado, malia que o seu criterio profesional vaia en contra da tramitación da axuda, o xefe de servizo respondeu que calquera persoa pode presentar a solicitude directamente en administración na UTS e que se lle dará un xustificante (modelo) a quen o solicite; neste caso, a valoración profesional por parte da traballadora social será posterior.
No referente a si a solicitude da AEM por escrito suporá un atraso na súa tramitación, admitiu que podería ser así, pero que, sen saírse do procedemento, procurarán reducir os prazos todo o posible para todas as persoas solicitantes.
Tamén en relación cos prazos, confirmou que nos casos de presentación da solicitude directamente no rexistro do concello, a solicitude chegará á UTS ao día seguinte. Unha vez recibida esta, a traballadora social valorará cada caso: se o considera necesario citará á persoa solicitante, pero se ten todos os datos poderá tramitar a valoración á comisión sen necesidade dunha cita previa.
Por outra banda, insistiu en que notificarán todas as resolucións, tanto estimatorias como desestimatorias, con independencia de si se presentaron no rexistro ou na UTS.
Por último, expresada a nosa preocupación ante as contestacións orais de non tramitación da AEM por ter recibido o “cheque social” e as resolucións escritas de denegación por este mesmo motivo, e preguntado por ata cando a percepción de dita axuda sería argumento para denegar unha AEM, o xefe de servizo contestou que a valoración corresponde á comisión, que depende de cada caso e que interveñen factores como o número de membros da unidade familiar, ou ter vivenda propia ou alugada, pero que de todos os xeitos actualmente é raro que na valoración dos ingresos se teña en conta o cheque social.