16/10 - Xuntanza: alumeado de nadal, crime social e ambiental

Hai un ano denunciabamos no texto “Luces (de Nadal) e sombras (de miseria)” que mentres moitas veciñas malvivían sen recursos suficientes para cubrir necesidades básicas, o goberno municipal dilapidaba centos de miles de cartos en alumeado e ornamentación de nadal. Lonxe de virar nas políticas que arelan facer de Vigo unha “cidade de postal”; o goberno municipal destina a este nadal anticipado aínda máis cartos. Euros que non hai para cubrir necesidades básicas de veciñas, un exemplo o temos nuns servizos sociais municipais colapsados, recortados e privatizados.

Non pode ser que Vigo vaia estar chea de millóns de luces, mentres moitas vivamos sen teren cubertos uns mínimos para a vida! 9 millóns de LEDs para unha celebración irresponsable na que se van emitir toneladas de dióxido de carbono acelerando as consecuencias do cambio climático.

Chamamos a todas aquelas persoas a xuntarnos para organizar as resistencias fronte a estas malas políticas que nos afogan. Neste caso chamamos a todas aquelas indignadas a organizarse para argallar algo que dende abaixo dea resposta á dilapidación en luces de nadal dos cartos de todas.

Con este obxecto convocamos unha xuntanza o martes 16 de outubro ás 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria de Coia.

Dereitos sociais para todas!