Na escuridade non somos quen de ver, ou cando menos de facelo con claridade. Ocorre o mesmo cando hai exceso de luz. Dous fenómenos opostos que producen o mesmo: incapacidade ou dificultade para ver.
Damos a voz de alarma, xa que o 25 de novembro seremos cegadas polo goberno de Caballero. Ese sábado o alcalde prenderá o alumeado de nadal. Hai dous anos denunciabamos, da man de Galiza Contrainfo, os 400.000 € de gasto en alumeado coa campaña #LuzEeCalorParaTodas. Moitos cartos, igual que os que se dilapidaron en chantar un barco na rotonda de Coia, en instalar unha pantalla en Rosalía de Castro, na reforma de Balaídos ou no Auditorio Mar de Vigo. O goberno lonxe de recuar nas súas políticas “antipersoas” teima en facer de Vigo un parque temático ao gusto da industria turística. Nestas festas a factura que pagaremos vai ascender, polo momento, a case 800.000 € (636.000 en alumeado e 135.000 en decoración de nadal).
O goberno afonda na “cidade de postal” que abre os brazos ao turismo e ao capital. Na súa cidade sobramos aquelas que habitamos a cidade. As que ficamos fóra da tolemia consumista somos expulsadas, esquecidas ou reprimidas.
Dinnos que Vigo está en competencia coas grandes cidades do capital: Nova Iorque, Londres, Tokio, Barcelona... “Cidades globais” nas que moitos movementos veñen denunciando os problemas de acceso á vivenda que sofre a veciñanza. En Vigo estase a falar dunha nova burbulla no sector, cun incremento no prezo das vivendas. Só na nosa contorna dúas compañeiras están pendentes de despexo. A elas agardamos non ter que engadir a unha familia, perceptora de RISGA, que finaliza o contrato de alugueiro sen máis horizonte que as rúas da cidade, posto que o mercado só oferta vivendas impagables cos seus ingresos.
Mentres cunha man prenden as luces, coa outra pechan servizos como a Oficina de Inmigración ou a Casa da Xuventude. Por non falar da insuficiencia de persoal nos servizos sociais que conleva atrasos en axudas tan perentorias para moitas persoas como a RISGA.
Cansa padecer un goberno que destina tantos recursos en agochar a miserenta realidade na que malviven moitas veciñas. Alporiza celebración da irresponsabilidade que supón o consumo enerxético irresponsable de milleiros de LEDs.
Malia esta fartura seguiremos a argallar resistencias, a crear lazos coas que poder pular por unhas vidas que merezan a ledicia de seren vividas para todas.
Novembro 2017
ODS-Coia e GAS