Sen decreto de RISGA continúa a miseria, a opacidade, a inseguridade que trouxo a Lei de inclusión social de Galiza.
En breves a Xunta volverá a dar a enésima rolda de prensa, na que anunciará as “bondades” da RISGA, mentres aquelas que a percibimos ou que estamos a tramitala a padecemos.Estes días un veciño contábanos as dificultades coas que se atopou para iniciar de novo a RISGA tras uns meses no mercado laboral. Escoitamos centos de veces que o obxectivo desta “esmola social” é a inserción no mundo do emprego. Malia isto, é dicir, malia o barullo de mentiras/medias verdades a xestión desta axuda pouco pula polos obxectivos que di defender.
Como diciamos un compañeiro que viña percibindo a RISGA, comezou a traballar en novembro de 2017. Atendendo ás obrigas fixadas pola Xunta, acreditou dito emprego coa presentación do contrato. Tras isto suspendéronlle a prestación.
Tras catro meses na empresa, finaliza o contrato. Como non superou os 6 meses puido volver a solicitar o cobro da prestación. Rematou o contrato a finais de febreiro de 2018 e o 12 de marzo presentou, de novo, na Xunta documentación co fin de volver a percibirva RISGA.
A sorpresa a atopa, cando vai ao banco, a inicios de abril, a ver se tiña ingresada a RISGA e non hai nada. Pregunta na Xunta e din que até primeiros de maio non lle van ingresar os meses de marzo e abril. A administración autonómica pecha as nóminas na primeira semana do mes, e toda modificación nos expedientes fica fóra.
Malia que estamos en tempos de forte represión, estamos aquí ante un caso de violencia administrativa, de “burorrepresión” que amosa a verdadeira faciana das políticas de miseria que defenden dende os poderes. Estase a obrigar a unha persoa, e á sua unidade familiar, a ficar sen ningún tipo de ingresos durante máis de dous meses seguidos, por mor dunha “práctica administrativa”, dun novo “atranco burocrático”. A pesares de que o perceptor cumpriu en todo momento coas obrigas que a Xunta lle impón.
Unha vez máis somos tratados como suxeitos de deberes, pero non de dereitos. Semella que só nós, as empobrecidas, temos que cumprir coas obrigas que a maquinaria da Administración impón, mentres ela continua a incumprir coa súa obriga de garantir unha vida diga para todas. Por todo isto, esiximos dereitos non simulacións. Esiximos o fin da políticas de esmolas que nos deixan peor do que estabamos. Esiximos Renda Básica das iguais e moito máis!
Vigo, 5 de abril de 2018
Oficina Dereitos Sociais de Coia