Trasladamos en Bruxelas a necesidade de dereitos sociais fortes para superar o empobrecemento

Comezamos a semana en Bruxelas. Si, en Bruxelas. En concreto nunhas xornadas de traballo na Comisión Europea e no Parlamento Europeo nas que participamos diferentes colectivos que traballamos no eido da loita contra a pobreza, exclusión social, a loita contra a precaridade, etc.

Diante da comisaria de Emprego e Asuntos Sociais defendemos as nosas propostas, á vista da crúa realidade que padecemos na periferia da periferia europea. Deixamos o texto da ponencia que expusemos diante da Comisión Europea:

A ODS (Oficina de Dereitos Sociais de Coia) nace no ano 2007 ante a situación de precariedade, empobrecemento e sufrimento, que estaban a padecer principalmente as xentes do noso barrio, pero tamén o resto das familias da cidade.

Contamos cun punto de información sobre dereitos sociais no que atendemos todos os luns unha avogada e un traballador social, co fin de prestar atención e información sobre o funcionamento dos servizos sociais e as diferentes prestacións, e ás veces facilitamos axudas económicas puntuais para situacións urxentes.

Así mesmo, o contacto directo e permanente neste punto de información, fixo xurdir asembleas quincenais, nas que as máis desfavorecidas, xunta con outras persoas que temos a sorte de gozar dunha situación non tan precaria, valoramos as distintas situacións de cada quen, os problemas cotiás, e artellamos xuntas, dende abaixo, ferramentas e métodos de solución e apoio mutuo.

Dende a Asemblea decidimos, non só botar unha man individualmente ás distintas persoas que se achegan, se non denunciar publicamente a situación de pobreza e extrema necesidade na que se ven as cidadás de Vigo. Desta maneira, saímos á rúa para berrar que este sistema no que nos obrigan a vivir está a facer que a riqueza se concentre nunhas poucas mans, mentres as demais, a gran maioría, somos privadas do noso dereito a vivir con dignidade.

Nestes case 10 anos de actividade temos comprobado como este modelo económico e político está a provocar, cada vez con máis forza e máis crueza que aumenten exponencialmente o número de familias que viven por baixo do limiar da pobreza. Ollamos con impotencia como as persoas do noso entorno non poden satisfacer as súa necesidades máis básicas como a alimentación, a subministración eléctrica, a auga corrente, a vivenda… necesidades materiais que as xentes da nosa cidade non son quen de satisfacer pese ás supostas axudas públicas.

E é aí onde dende a ODS gostariamos poñer o acento desta intervención: na actual concepción dos servizos sociais que os converten en totalmente ineficaces para loitar contra a situación de empobrecemento crecente.

Cos casos que nos chegan ao punto de información e ás asembleas estamos a comprobar como, fronte á propaganda dos responsables políticos, as axudas sociais, as distintas prestacións, utilízanse como ferramentas de control das persoas, son absolutamente insuficientes e pouco transparentes, non serven para paliar a situación de pobreza case crónica das nosas veciñas e, en definitiva, non atacan a orixe do problema da desigualdade, ficando como parches ou esmolas.

As distintas administracións (municipal, autonómica e estatal) non fan máis que aprobar programas que se supón deberían loitar contra a escaseza de recursos das persoas, contra a pobreza enerxética, contra os despexos, contra a infralimentación… Porén estas axudas non chegan nin en contía, nin a tempo.

Dende a ODS o que esiximos é un cambio na distribución da riqueza, unha garantía de que todas as persoas poidamos vivir con dignidade, sen a necesidade de introdución no mercado laboral (que amosou o seu fracaso durante todos estes anos). Cremos firmemente que o modelo produtivo que se está a desenvolver, no que a capacidade de superviviencia das persoas se enlaza innegablemente coa desempeño dun emprego ou posto de traballo non é xusto nen equitativo. As grandes empresas, co visto e prace dos “grandes organismos” e poderes públicos, acumulan a riqueza que a xente crea, facendo negocio coas necesidades básicas das xentes (auga, luz, vivenda...).

Perante isto, propoñemos, como ferramenta de loita contra a desigualdade e a precariedade a RENDA BÁSICA DAS IGUAIS (RBis).

Definimos a Renda Básica das iguais como o dereito que ten cada persoa polo feito de nacer, a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais.

Outros modelos de rendas básicas que se están a debater poden ser facilmente incorporados aos valores do sistema, como un elemento máis de asistencia social. Nós, propoñemos a RBis como unha ferramenta para a transformación do sistema capitalista.

Se é o propio modelo o que produce e necesita a pobreza e a exclusión social, temos que afondar en espazos de autonomía que nos leven cara a un horizonte de sociedade diferente. Dende a ODS entendemos a RBis non como un fin en si mesma, senón como un instrumento fundamental que nos axude a romper os mecanismos de explotación:

Por unha parte, deixar de estar atadas á escravitude do salario para satisfacer as necesidades materiais fundamentais; por outra, construír outras relacións sociais á marxe da lóxica do produtivismo e o consumismo.

Finalmente, afondar na liberdade real das persoas, xa que asegura a base material para poder gozar dos demais dereitos humanos.

As características instrumentais que definen á RBis fronte aos demais modelos de rendas mínimas, son:

1º. Individual: a persoa como suxeito de dereito en igualdade, non a familia.
2º. Universal: para todas, sen motivo de exclusión, independentemente da situación persoal.
3’. Incondicional: non suxeita a contrapartidas nin laborais nin de ingresos.
4º. Equitativa: a contía será igual para todas as persoas, como mínimo, o equivalente ao limiar da pobreza (50% da renda per cápita).
5º. Refundición das prestacións actuais (RISGA, PNC…)

Entendemos que vivir con dignidade é un dereito fundamental que non se pode acadar sen eliminar de raíz as profundas desigualdades que nos oprimen, máis que tampouco pode chegar se as persoas non nos facemos protagonistas da nosa propia emancipación.

Bruxelas, 20 de setembro de 2016