Hoxe 17 de outubro celébrase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) queremos celebrar publicamente esta data, que nós rebautizamos como Día contra a riqueza. A riqueza acumulada nas mans duns poucos, unha riqueza que non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida.
Con motivo deste Día contra a riqueza, organizaremos dúas actividades:
- A charla “A renda básica das iguais como ferramenta de transformación social”, que terá lugar o sábado 19 de outubro ás 18:00 horas nos baixos da Parroquia Cristo da Victoria (r/ Baiona, 9 – Coia), e a través da que pretendemos afondar no concepto de Renda Básica e debater sobre a súa idoneidade como instrumento para erradicar a pobreza a través da repartición da riqueza e da distribución da renda, e para defendernos da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global.
- Unha concentración e rolda de prensa o mércores 23 de outubro ás 11:30 horas na Praza do Rei baixo o lema “Menos rollos, máis solucións”. Por unha banda, presentaremos a Iniciativa Lexislativa Popular estatal por unha Renda Básica; por outra, esixiremos unha vez máis ao Concello de Vigo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social e, en concreto, que permitan ás persoas que solicitan ditas axudas que presenten por escrito as solicitudes nas UTS, mediante formulario normalizado e conservando unha copia selada.