As perceptoras do Ingreso Mínimo Vital seguen sen dereito a transporte gratuíto

José Luis Escrivá -ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións- aproveitando o Día Internacional para a Erradicación da pobreza anunciaba a posta en marcha do autobús do Ingreso Mínimo Vital (IMV) que vai percorrer diferentes puntos do estado para informar e axudar na tramitación desta prestación.

A nova propaganda do ministerio pasaba de esguello por estes datos:

- O IMV só chegou ao 40% dos fogares con dereito á prestación.

- Tan só 1 de cada 10 empobrecidas no estado o perciben.

- Segundo datos da Seguridade Social no mes de xullo o número de fogares que percibían o IMV era de 380.000, dato que chocaba coa meta do Goberno de chegar a unha cobertura de 850.000 fogares.

- Tan só 1 de cada 5 solicitudes presentadas son aprobadas.

En todo caso, o motivo destas letras non é falar da esmola que anuncia o autobús laranxa do ministerio. Escribimos para falar de como Vitrasa e Concello de Vigo deixan sen tarxeta gratuíta de bus as perceptoras do IMV da cidade.

Esta semana unha muller contactou co punto de información e relatou o seguinte rea. É beneficiaria do IMV. Acode a Vitrasa para preguntar polas bonificacións no uso do transporte público. Alí dinlle que non ten dereito á tarxeta de “pensionista” a cal posibilita viaxar en bus urbano de xeito gratuíto. Malia cobrar unha axuda social, con contía e características semellantes ás da RISGA ou á da Pensión Non Contributiva, non ten dereito a dita bonificación.

Incrédulas, preguntamos por escrito a empresa concesionaria do transporte urbano e recibimos esta resposta:

Bos días:
Comunicámoslle que o IMV non se atopa comtemplado nos requisitos para a tarxeta "pensionista".
Un saúdo

Facemos a mesma pregunta ao concello de Vigo. Polo momento non temos resposta. Semella que a empresa concesionaria non lle interesan as tarxetas bonificadas polo concello. Semella que o goberno municipal tampouco quere.

Da morea de notas de prensa que diariamente emite o goberno municipal non atopamos ningunha na que o alcalde ou Yolanda Aguiar, concelleira de Benestar Social, falen sobre isto. Doe máis saber que a concelleira ben coñecedora do IMV non é quen de resolver isto. Ela participou (descoñecemos se o fai na actualidade) en xuntanzas estatais nas que se falaba do desenvolvemento e dos problemas na cobertura desta prestación. A concelleira sabe que as veciñas de Vigo que cobran o IMV, dous anos e medio despois da posta en marcha desta prestación, fican sen dereito a transporte público gratuíto.

Ante esta realidade solicitamos que de inmediato resolvan isto. Pensamos que hai que mudar a organización da mobilidade nesta cidade, son moitas as voces que levan anos esixindo modelos de transportes máis acordes coas necesidades das persoas e respectuosos co planeta, que superen os intereses de empresas ás que só lles move ver medrar os seus beneficios.

Ante isto seguiremos a loitar por transporte público e gratuíto para todas!

Coia, 28 outubro de 2022