Os Tribunais volven a condenar á Xunta pola pésima xestión da RISGA

Hai uns meses contábamos como Lucía, unha rapaza da nosa cidade, viña de gañar unha batalla persoal e xudicial coa Xunta [1].

Lucía recorreu no Xulgado a resolución da Xunta que a obrigaba á mudarse de domicilio por estar convivindo con outra perceptora da RISGA, baixo ameaza de retirarlle a prestación. Lucía levou dita decisión á vía xudicial e o Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, deulle a razón e ditou sentenza anulando dita resolución por ser contraria a dereito.

Así a sentenza deixaba claro que a Xunta non pode prohibir a percepción de máis dunha RISGA por domicilio e literalmente sinalaba: “Sería INVEROSÍMIL que dúas persoas que perciben sendas prestacións para eludir a sua exclusión social tiveran que excluírse mutuamente, para non incorrer en esaxerada inclusión”.

Ante dita resolución xudicial, Lucia reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais.

Novamente, o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo volveu a darlle a razón a Lucía e ditou a sentenza nº 153/2.018 de 20 de xuño pola que se declara a responsabilidade da Consellería de Política Social e a condena a responder polo sufrimento e prexuízos causados á compañeira, por medio do aboamento dunha indemnización económica á mesma.

Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta. Como a todas nós, Lucía estaba farta das políticas miserentas desta Consellería, incapaz de solucionar os problemas das persoas, e que lonxe de garantir unha vida digna para todas, afonda na exclusión e no empobrecemento.

Non podemos seguir soportando estas situacións. Compre dicir basta. Compre unha solución íntegra e digna para as persoas. Compre a Renda Básica das Iguais e moitísimo máis, xa!

Coia, xuño 2018

--

[1] http://odscoia.arkipelagos.net/un-xu%C3%ADz-reco%C3%B1ece-que-nun-mesmo-...