Xa son públicas as bases das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) para o ano 2015, pódense consultar na web do concello neste enlace: https://sede.vigo.org/expedientes/tramites/getarchivo.jsp?id=117&tipo=or...
Malia seren aprobadas na xunta de goberno do 30/12/14, non foron subidas á web até a terceira semana do mes de xaneiro de 2015. Días antes, o 10/01/15, fixeramos unha petición no rexistro para que se fixeran públicas as citadas bases; e días anteriores o xefe de servizo do departamento de Benestar Social, en conversa telefónica, non soubo dicir cando as ían facer públicas.
Antes de valorar as novas bases facemos memoria para tratar de entender as mudanzas. O Concello tivo, o pasado ano, problemas para dar resposta, non só a unhas AEM que experimentaron un crecemento de solicitudes, aos requirimentos da cidadanía. Atrasos, colapso, incumprimento de prazos, enfermidades laborais... son algunhas das denuncias que están a facer as propias traballadoras sociais do concello. Unha situación que incluso provocou que a propia concelleira, Isaura Abelairas, falará de “colapso” no departamento. Mentres o alcalde fala de que Vigo é a cidade do Estado que máis cartos destina a políticas sociais, as cifras do Ministerio de Facenda din que ocupa o posto 2.945 no ránking municipal de protección social.
Volvendo as bases das AEM para 2015 atopamos un endurecemento nas mesmas no referido ás contías máximas que as beneficiarias poden recibir. Neste senso as contías máximas baixan considerablemente e agrúpanse, desaparecen, así, os topes por categorías:
Un exemplo de como afectarían estas mudanzas a unha familia de catro membros:
AEM 2015 – Contía máxima para todos os conceptos en 2015 = 3550 €/ano
AEM 2014 > Contía máxima separábase por conceptos: Aluguer/hipoteca (3000 €) + Alimentación (2100 €) + Débedas luz e gas (800 €) + Gastos de comunidade (1000 €) + ...
As diferenzas cos números na man son moi importantes, pero non queremos enganar a ninguén. A maioría das beneficiarias quedaron, e quedaran, moi lonxe dos máximos fixados tanto no ano 2014 como neste 2015.
Destacamos tamén o cambio no modelo de solicitude, agora engádenlle unha segunda folla na que riscar a documentación que acompaña a solicitude. Recóllese unha extensa relación de documentos, moitos dos cales xa constan nas UTS (DNI, libro de familia, contrato de alugueiro…) non se especifica cales deses documentos é preciso volver a presentar con cada solicitude nova dunha AEM. Volvemos coa inseguridade…
Pero, por riba do que puidera parecer á primeira vista, o certo é que, incluír a necesidade expresa de achegar semellante cantidade de documentos xunto coa solicitude é unha manobra do Concello para ter unha “escusa” legal para atrasar a tramitación do procedemento (e polo tanto, o pagamento da axuda) baixo o argumento da falla dalgún documento, ou incluso, denegar unha axuda por non ter presentado algún deses papeis. A pesares de, insistimos, non deixar establecido nas bases cal ou cales deses documentos temos que presentar para cada un dos conceptos.
Sorprendentemente, non se recollen nas bases as “normas non escritas” que veñen a regular de facto a tramitación e concesión das axudas. Como temos comprobado nestes últimos anos, existen criterios de concesión, requisitos de acceso, e circunstancias impeditivas (non se conceden AEM para alimentos se se percibe unha RISGA), só se pagan gastos de subministros se hai aviso de corte, non se abonan fianzas en contratos de alugueiro…) que se veñen aplicando de maneira uniforme en todas as UTS por indicación expresa e obrigada dos responsables do Departamento de Benestar Social, que, nembargantes, non aparecen recollidos nas bases reguladoras.
O Concello de Vigo, enmascara a restritividade real na concesión das axudas, cunhas bases vagas e imprecisas que non reflicten os criterios reais de concesión das mesmas.
Estas bases volven a ser miserentas, non só pola rebaixa do límite máximo anual que se pode percibir, senón por manter á mesma dotación orzamentaria que nos dous últimos anos: 445.000 euros. E isto a pesares de terse acreditado a insuficiencia desta contía, que resultou esgotada, para o ano 2014, no mes de xullo e que obrigou a aprobar dúas ampliacións de crédito extraordinarias co fin de seguir atendendo á crecente demanda de AEM.
A opacidade continúa en relación ás AEM. O departamento que dirixe Isaura Abelairas non ofrece datos de 2014 -nin de anos anteriores- tales como: orzamento total, número de solicitudes, número de axudas concedidas, resumo por conceptos, etc.
O Concello de Vigo tiña a oportunidade, coa aprobación das novas bases reguladoras para o ano 2015 de establecer un réxime de axudas municipais transparente, eficaz e suficiente. Pola contra, decidiu continuar coa opacidade, a miseria a arbitrariedade e a inseguridade dunhas chamadas “axudas de emerxencia” que se volven a presentar como unha ferramenta inútil para paliar a precariedade que está a sufrir a cidadanía.
Coia, febreiro 2015