O concello de Vigo pecha oficina de servizos sociais mentres anuncia atraccións de Nadal

Mentres o alcalde fala de Nadal -en novembro- as veciñas de Teis e Travesía teñen a oficina de servizos sociais da zona “pechada, ata novo aviso, todos os XOVES e VENRES”.

Esta semana aquelas que fomos até as dependencias situadas na rúa Dr. Corbal 21 encontramos o enreixado baixado cun cartaz que encamiñaba a “dirixirse á xanela 13 da Lonxa do Concello de Vigo, prada do Rei s/n de 9:00 a 12:00”.

En Vigo hai 5 centros municipais de servizos sociais nos que están as 17 Unidades de Traballo Social (UTS). Temos asignada unha UTS segundo o noso enderezo de residencia. Nesas oficinas están as traballadoras sociais municipais, en Dr. Corbal traballan as profesionais que atenden á poboación das UTS de Teis e Travesía.

Na web do concello podemos ler que “as Unidades de Traballo Social (UTS) son a "porta de entrada" ao Sistema de Servizos Sociais e ofrecen un Servizo de Información público, para toda a poboación, desde onde se facilita de forma profesional e confidencial, información sobre os servizos sociais, recursos e prestacións a disposición das cidadás e cidadáns, así como os dereitos que teñen tanto a nivel individual como grupal. Nelas valóranse as necesidades expostas, orientase aos recursos máis axeitados, intervindo profesionalmente cando as persoas así o demandan, cara a garantir unha atención persoal e social de calidade”.

Un peche que suma novos atrancos aos que levamos anos padecendo aquelas que buscamos saídas nos servizos sociais municipais. Falamos de espazos que visitamos para tramitar a RISGA, para solicitar axudas de emerxencia, para solicitar o Servizo de Atención no Fogar ou axudas da Dependencia. Calquera que contactara cos servizos sociais do concello sabe das demoras para obter unha cita coa traballadora social, ao redor de dous meses de agarda. Sabe das demoras na tramitación que amplían os prazos máximos fixados pola lexislación. Sabe da insuficiencia de persoal. Sabe de...

Aos días de facer a consulta recibimos a seguinte resposta do departamento de Benestar Social: “El cierre de la oficina los jueves y viernes, se debe a falta de personal . No tienen administrativo ni auxiliar para poder atender a la gente”.

Este peche coincide coa folga indefinida das traballadoras do Servizo de Atención no Fogar municipal, que loitan por un convenio digno. Na casa do concello calan ou din que é problema da Xunta e a concesionaria. Igual pasa con VITRASA, non podemos aceptar políticas que para cubrir necesidade sociais afondan na desigualdade das traballadoras e favorecen o enriquecemento dos capitais.

Facemos unha chamada a que a cidadanía non se cale e loite por unha cidade na que os cartos de todas vaian a cubrir necesidades básicas. Cómpre defender o dereito a ter información e atención social nos nosos barrios, nesta época do ano na que para o Concello parece que só importa a cidade escaparate, para o turismo e a hostalería do centro.

Coia, novembro 2022