Non somos criminais, dereitos sociais. Crónica da concentración en Nigrán

Non somos criminais, dereitos sociais! Isto berrabamos hoxe diante da casa do concello de Nigrán, onde se atopan as dependencias dos servizos sociais desta localidade.
Até alí fomos para nos concentrar baixo o lema: Contra a criminalización da pobreza!

Unha compañeira, perceptora de RISGA, mudou neste verán a súa residencia para Nigrán. Dende ese momento comezaron os problemas cos servizos sociais: visitas domiciliarias sen concertar, control excesivo, responsabilización e xuízos de valor, ameazas de perder a prestación, etc. Para a nosa sorpresa, non era un caso illado.

Nos días previos á concentración de hoxe contactaron con nós persoas que sufriran experiencias semellantes nos servizos sociais desta localidade. Unha delas relatou que lle recoñeceran nos xulgados a RISGA que nos servizos sociais de Nigrán lle negaran.

O alcalde, Juan González (PSOE), achegouse á concentración onde conversou coas presentes. Alí cruzou palabras con veciñas, tamén afectadas por este modo de “entender” o traballo social e con compañeiras que lle lembramos a súa responsabilidade á hora de transformar esta situación.