O pasado 19 de decembro dende a Oficina de Dereitos Sociais de Coia convocabamos unha concentración na avenida de Castelao baixo o lema “Caballero, o lado escuro das políticas sociais”. O acto contaba cos permisos pertinentes, porén descoñeciamos que non tiñamos o visto e prace do alcalde. O dicimos á vista do comportamento dos axentes da policía local que acudiron ao acto e da sanción de 100 € recibida o 26 de febreiro por Esther Lora (avogada e compañeira da ODS-Coia). Amparado na “Lei Mordaza” un axente de Policía Local di que:
A consecuencia de un accidente de tráfico, la denunciada se dirige a viva voz al policía 294106 gritándole: “no estáis haciendo nada”, “la culpa es vuestra”, generando reacciones entre el público presente al grito de “Mucha, mucha policía!”, y provocando que fotógrafos de prensa presentes en el lugar comenzaran a fotografiar a los actuantes.
Estes feitos supoñen (segundo a opinión do axente e do instrutor) unha “falta de respecto e consideración aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade” e son sancionados cunha multa económica de 100€.
Cando en realidade non son máis que a constatación da actitude neglixente dos axentes da Policia Local que acudiron á concentración para regular o tráfico, por imperativo legal e por indicación da Subdelegación e que tiñan a obriga de garantir a integridade física das participantes, dos viandantes e dos vehículos, por existir un corte de tráfico autorizado. Pero seica cando as concentracións se fan no barrio ou para denunciar a miseria das políticas do que lles da de comer, esa obriga legal desaparece.
Represión e mentiras seica son as pezas nas que xira a “exitosa” forma de goberno de "Caballero Vader". Denunciar que nunha cidade con superávit non pode ser que teñamos un gasto social “precario” (tan só 42,43 € por habitante) é sancionable. O saben as compañeiras da Acampada Contra a Pobreza, que levan semanas de acoso por denunciar o maltrato e abandono do goberno municipal ás persoas sen fogar.
Coma elas, temos a conciencia ben tranquila, e sabemos que as acusacións dos axentes carecen de toda xustificación, e só responden a un intento do Alcalde de acalar a protesta da maneira máis vil posible.
Por iso, porque cremos nas nosas reivindicacións, e na súa necesidade, non temos medo. Iremos ao xulgado a dirimir as mentiras e seguiremos na loita por un modelo de cidade na que todas teñamos garantido unha vida digna.
27 de febreiro de 2018
ODS-Coia