Hai unhas semanas solicitamos por escrito datos do número de cortes de auga realizados no Concello de Vigo nos últimos anos. A resposta, tanto de Aqualia como do Concello, é o silencio. En detalle, a petición foi ter acceso público aos seguintes datos:
- Número de cortes de subministro de auga en 2014 e 2013.
- Número de avisos de corte de subministro de auga en 2014 e 2013.
Dita petición fíxose por escrito nas dependencias que Aqualia, empresa concesionaria que pertence ao grupo FCC (segundo sinalan na súa web, a terceira compañía en xestión da auga no mundo).
Previo á solicitude, mantivemos unha breve conversa coa responsable da empresa, a cal respondeu que eles non son quen de ofrecer eses datos, polo que instou a que remitiramos a nosa solicitude ao Concello de Vigo. Tras recibirmos por escrito a resposta negativa da empresa a facilitar eses datos, solicitamos no rexistro municipal a mesma petición dirixida, neste caso, a David Regades concelleiro responsable da área de Fomento.
Aqualia ten a concesión do abastecemento e saneamento da auga en Vigo. Xestiona o servizo desde 1990 e malia que o contrato vencía en 2015, este foi prorrogado polo goberno de Abel Caballero até o ano 2020. En 1988 o goberno de Manoel Soto privatizou a xestión deste ben que viña ofrecendo a empresa pública Emavisa. Aqualia, antes Seragua, leva anos facendo beneficios coas nosas necesidades básicas. Con privatizacións coma esta, os dereitos deixan de selo e pasan a converterse en produtos de consumo sometidos aos intereses do mercado e non aos intereses colectivos. O capital fai negocio, o goberno municipal cala e nós sufrimos cortes de auga e/ou padecemos os atrancos para pagar unhas facturas demasiado elevadas para uns ingresos que non paran de minguar.
A información é poder, e sen ela semella complicado artellar respostas que rematen coa pobreza enerxética. Desde o Concello, ao igual que desde a propia empresa, o teñen moi claro. De aí o seu silencio á hora de facilitar datos dos cortes de subministro realizados ou do número de avisos de corte comunicados. Datos que sería moi importante que foran coñecidos pola cidadanía, xa que partindo deles poderíanse artellar estratexias para loitar en contra da pobreza enerxética que afecta a cada vez máis persoas.
Fronte a isto, é dicir, fogares sen auga, persoas que non poden facer fronte ao pagamento da auga esiximos medidas urxentes:
- Remunicipalización do servizo.
- Exención do pagamento da auga para aquelas persoas con ingresos por baixo do limiar da pobreza.
A mesma petición que facemos no caso da auga a facemos para o resto de servizos básicos, que poden e deben ser garantidos polas administracións. Falamos da enerxía eléctrica, do gas ou do transporte público.
Non aceptamos negocios coas nosas necesidades!
Pola repartición da nosa riqueza!