Non esteades impacientes! Este venres, 14 de decembro, todas aquelas que se acheguen a Compostela poderán ter nas súas mans un dos libros máis agardados do ano. O título: "Repartindo a Nosa Riqueza. Estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza".
Este libro recolle o traballo de varios anos das xentes de Baladre en Galiza co fin de demostrar a viabilidade económica, e tamén política, da proposta da Renda Básica das iguais.
Mari Fidalgo nun dos textos que abren o estudo propoñe esta reflexión:
"Unha comunidade está conformada por persoas que van actuar como forza de traballo e outras que non, xa sexa pola franxa de idade, estado físico ou ben por decisión propia. E todas precisan ser coidadas e ter garantidas unhas condicións de vida saudábeis. A condición de ser humano é o elemento primario da xeración de tal dereito e, a concepción da fraxilidade e interdependencia que caracteriza a nosa existencia, o sustrato para formular propostas que aborden a centralidade da vida como premisa para o reparto da renda e a xustiza social.
Formulacións que non só permitan satisfacer as necesidades básicas -tanto as materiais, como emocionais, sanitarias, relacionais, culturais, identitarias e políticas- e vivir con dignidade, senón que abran espazos de cuestionamento da orde vixente e permitan avanzar algúns pasos na construción de procesos amplos de transformación social.
Pasar da histórica reivindicación do emprego a que sexa a vida, a existencia humana con dignidade, a que estea no centro das preocupacións políticas e sociais, é facer unha aposta firme pola RBis".
Só é un anaco dun traballo que poderedes coñecer máis detidamente, de man de moitas das autoras, este venres 14 de decembro.
Nesa data farase a presentación do libro en Compostela, en dous momentos:
- Presentación para a prensa na libraría Couceiro (Praza Cervantes 6) a partires das 12h00. Na que estarán Manolo Bayona, Mari Fidalgo, Diego Lores e Jose Iglesias.
- Presentación para colectivos e persoas no Centro Social "O Arredista" (rúa das Rodas 25) a partires das 19h00. Coa presenza de Manolo Bayona, Lucía Medina, Mari Fidalgo, Jose Iglesias...
Aproveitamos para dicirvos que o libro o poderedes mercar na ODS-Coia a un prezo de 10€!