Desde o inicio da crise económica no ano 2008 a clase dominante a través dos seus medios de comunicación comezou unha campaña propagandística masiva acerca do significado, alcance, causas e consecuencias da mesma. O obxectivo é obvio: preparar un escenario propicio para executar unha serie de recortes sociais e laborais que fortaleza, aínda máis, a súa capacidade de acumulación de capital. Négase que o capitalismo, polas súas propias características intrínsecas, sexa un sistema económico en crise case permanente e preséntase a recesión como un acontecemento excepcional, cando á inversa, o verdadeiramente insólito foi o período de acumulación salvaxe que a precedeu.
O capitalismo sempre saíu fortalecido e reconstituído das crises e estas, no fondo, non son máis que unha oportunidade para afondar nas relacións de dominación social. Cando falan de procurar a estabilidade estanse a referir unicamente á salvagarda dos intereses de certos grupos da clase dirixente. A proba disto témola en que no ano 2009 o gasto militar continuou en ascenso, témola nas axudas estatais aos bancos e ao sector da automoción ou en que a construción de todas as infraestruturas estratéxicas (o AVE, a ampliación do porto e o aeroporto, etc.) están a solventar calquera problema de financiamento que se lles presente.
A necesidade da clase dirixente de manter e aumentar o seu nivel de beneficios despraza o problema da creación de valor ás oprimidas. Se xa no comezo da recesión sufriamos a aprobación dun ERE tras outro, co avance e consolidación do discurso dominante sobre a crise os recortes laborais e sociais semellan imparables. Antes do verán, o goberno anunciaba que se conxelarían as pensións no ano 2011 así como que se produciría unha reforma do sistema de pensións que prevé ampliar o ano de xubilación até os 70 e o mínimo de anos cotizados necesarios para poder ter dereito á mesma. Recortábase, tamén, o salario das empregadas do sector público un 5% e, polas mesmas datas, o ministerio de sanidade anunciaba que o COPAGO e, polo tanto, a privatización da sanidade (algo que xa estamos a vivir na nosa cidade coa construción do novo hospital) estaba enriba das súas mesas.
O 9 de setembro ratificábase no congreso dos deputados unha nova reforma laboral: redúcense as indemnizacións por despedimento e ampliación das condicións para executalo; xeneralízase a flexibilidade das condicións do traballo; precarízase aínda máis as condicións da contratación xuvenil; amplíase o campo de actividade e o poder das Empresas de Traballo Temporal en sectores nos que até o de agora estaban vetadas; aumentan as restricións e as condicións de cara ao cobro da prestación por desemprego, etc.
O paro preséntase non só coma novidade senón tamén coma falsa coartada á hora de impoñer algunhas das medidas reflectidas na reforma laboral, como é caso dun maior abaratamento do despedimento. Cómpre recordar que xa moito tempo antes da recesión económica o número de persoas en paro, en risco de exclusión ou afundidas na pobreza aumentaba considerablemente. O paro é un epifenómeno inherente ao grao de desenvolvemento actual das sociedades industriais. A competencia interempresarial nun mercado mundial esixe un proceso de innovación tecnolóxica constante que faga aumentar o ritmo xerador de beneficios, o cal non permite unha política de investimentos que absorba a forza de traballo eliminada coa automatización. O resultado é que as traballadoras son empurradas á periferia da produción e o paro convértese, desde hai décadas, nunha importante arma en mans da dominación, polo que toda medida ou política presentada desde o poder para presuntamente palialo é pura propaganda.
A necesidade de resistirmos esta ofensiva pasa por desenvolver unha crítica ao sistema capitalista no seu conxunto que evite caer no propio discurso dominante que pretende cerrar filas tras a ideoloxía do progreso, desde unha crítica parcial ao mesmo a partires simplemente da crise actual. É doado botar unha sinxela ollada aos supostos anos de opulencia para ter a certeza de que xa nos envolvían daquela unhas circunstancias críticas: a precariedade económica e afectiva, o illamento, a exclusión e o aumento da pobreza, a alta velocidade e o estrés, o consumismo e a construción de novos centros comerciais, a dependencia das tecnoloxías e a extensión da represión e do control social, a destrución do medio rural e o litoral, o envelenamento do aire, da auga e da terra, a expansión dos territorios en guerra, etc.
Resistir a este maremoto de recortes sociais esíxenos evitar o simulacro da protesta, da negociación e dos pactos e debe apostar por unha confrontación total e permanente contra a dominación. Nese camiño temos que buscar formas de loita, resistencia e colaboración que nos permitan construír unha sociedade radicalmente diferente á que padecemos.
Fronte a toda esta conxuntura seguimos a defender unha vida plena, tanto no eido social como no individual, baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza. Onde os nosos dereitos sociais básicos (alimento, saúde, vivenda, etc.) non dependan da posibilidade de ter ou non un salario; onde non teñamos que abandonar a nosa terra para poder sobrevivir nin ter que depender das normativas dos Estados para poder ter liberdade de movemento; onde se constrúa comunidade baseándose na proximidade, na autosuficiencia e na horizontalidade; onde, en definitiva, só o mellor sexa o suficiente.
Grupo de Axitación Social - Setembro de 2010