Florentino Pérez coida de Abel Caballero

Achegamos o artigo pulicado por Diego Correa en Novas da Galiza, número de xullo de 2019, e que leva por título: "Florentino Pérez coida de Abel Caballero".

Muda Vigo, mentres unha parte moi importante da veciñanza aplaude a transformación.  Mais non vou falar de “humanizacións”, nin do alumeado de nadal, nin dos megaconcertos de Castrelos, nin do “Vigo vertical”... Quero xuntar unhas letras para debullar as políticas sociais deste concello durante os mandatos do vixente alcalde, Abel Caballero.

Alén da espectacularidade coa que alcaldía presenta calquera medida que anuncia, á calada os servizos sociais municipais afondan na privatización de partes moi importantes. De seguro que a moitos quilómetros de Vigo alegráronse pola vitoria de Caballero nas eleccións celebradas esta primavera. Para CLECE a democrática elección da cidadanía viguesa foi unha boa nova.

No mundo dos negocios as alegrías exprésanse no crecemento das contas de beneficios. Botando unha ollada aos orzamentos municipais dos últimos anos, en concreto ao reparto dos euros da, agora renomeada, “Concellería de Política de Benestar Social e Cíes Patrimonio da Humanidade” vemos como CLECE é unha das grandes beneficiadas.

CLECE é unha empresa trasnacional, con negocios tamén en Portugal e Reino Unido, propiedade de Florentino Pérez. Esta filial da construtora ACS facturou -segundo os datos que penduran na súa web- 1.445 millóns de euros en 2017 e conta con 74.000 persoas traballando nas súas diferentes actividades. CLECE é unha empresa de servizos que xestiona case de todo. No ámbito sociosanitario, sigo con datos tomados da súa web: servizos de axuda no domicilio e teleasistencia, pisos tutelados, residencias, centros de protección á muller, residencias para persoas con discapacidade, centros para persoas sen fogar, centros de menores en risco de exclusión social e centros de día. Case nada!

Na Galiza CLECE espallouse “por ducias de concellos e administracións públicas, malia as continuas irregularidades denunciadas por moitas delas” [1]. Un exemplo destas irregularidades o atopamos no expediente que o goberno municipal da Coruña abriu á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar por incumprimentos no contrato. Feitos aos que engadir as denuncias de diversos sindicatos [2] ante prácticas laborais abusivas por parte da empresa.

Os negocios de CLECE co Concello de Vigo funcionan. Na memoria de “Benestar Social 2017” podemos atopar a seguinte información:

Como vemos CLECE xestiona o “Servizo de Axuda no Fogar”. Dita empresa gañou o concurso, durante o mandato de Caballero, á anterior concesionaria: Cruz Vermella. Caso parecido atopamos no “Programa socioeducativo e de apoio familiar”, que perdeu  a Fundación Aldaba no último concurso. En total case 5 millóns de euros anuais na xestión destes dous programas que dan servizo e emprego a moitos fogares. Mais os negocios non rematan aquí. As gadoupas da empresa chegan a CEDRO (Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo). O curioso deste caso é que no mesmo centro traballa persoal do concello, é dicir, funcionarias xunto a empregadas de CLECE. Atopampos así a enfermeiras ou traballadoras sociais que comparten tarefas mais non condicións laborais, nin salario. Unha tolemia que racha co principio “mesmo emprego, mesmo salario”.

Facendo un par de sumas vemos que preto da metade do orzamento municipal en políticas sociais está en mans de concesionarias. Parte moi importante, en mans dunha soa empresa: CLECE. Ao principio apuntaba que isto non é novo, as empresas levan anos xestionando a nosa miseria. Mais o rechamante, no caso de Vigo, é o crecente volume de negocio dunha soa empresa que semella estar a construír uns servizos sociais paralelos na cidade co visto e prace do goberno municipal.

Xunto ao pulo dos negocios deste concello temos unha aposta polo asistencial. A resposta un cadro de persoal de traballadoras sociais insuficiente, que incumpre a ratio dunha traballadora social por cada 7500 habitantes, a temos no “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación” o coñecido como o “cheque social”. Medida estrela para un goberno que actualiza a tradición asistencialista. Co “cheque social” unha vez ao ano centos de persoas e familias acoden ao concello para facer colas e presentar moreas de papeis, para no mellor dos casos, meses mais tarde, recibiren uns euros que non os sacan da pobreza e miseria cotiá na que viven.

Seica na cidade de postal non temos espazo as empobrecidas, mais ben existimos para facer rendible -a uns poucos- a nosa miseria ou para aproveitar as faragullas coas que nos “agasallan” para venderse como os nosos salvadores. Fronte a isto cómpre que lembremos que política a facemos nós todos os días, na nosa vida cotiá. A política non é exclusiva de representantes, nin de partidos; polo que non desbotemos a potencialidade que temos, aquí e agora, para ir tecendo redes e artellar dinámicas que satisfagan en comunidade as necesidades de todas.

--

Artigado publicado no número de xullo 2019 do Novas da Galiza

[1] https://praza.gal/politica/a-coruna-expedienta-unha-empresa-de-florentin...

[2] https://praza.gal/economia/a-cut-acusa-clece-sa-da-desaparicion-de-medio...

Baladre

Nosotras las Personas

Asociación Contra a Exclusión Social Alambique

Renta Básica das iguais