
Con data de 12 de xuño foi publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia un acordo aprobado por unanimidade no que os grupos con representación no parlamento galego instan á Xunta de Galicia (e tamén aos concellos) a que “axilice” a tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e das axudas de inclusión social para cumprir os prazos que marca a normativa vixente. Igualmente, a proposta aprobada pide á Xunta que a todas as persoas que solicitaran a RISGA a través da Lei de Inclusión Social e estean a esperar pola resolución, superados os tempos legais establecidos (dous meses), lles sexa recoñecido o dereito á percepción da renda por silencio administrativo. Finalmente, o acordo reclama que todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo deste ano se resolvan nun prazo máximo de dous meses.