O martes 23 de setembro moitas persoas na Galiza estarán pendentes do derbi que xogan Celta e Dépor no estadio de Balaídos. As xentes da ODS-Coia, da parroquia do Cristo da Vitoria e do G.A.S. queremos aproveitar esta festa do fútbol galego para continuar coa recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica.
Antes do partido, de 19:30 a 22:00, montaremos unha mesa -á altura da rúa Manuel de Castro 21 (preto da grada de Tribuna)- co obxectivo de recoller firmas a prol da Renda Básica.
Neste derbi queremos facer visible a importancia de tirar abaixo o capitalismo. O fútbol nestes momentos é un dos seus grandes negocios. Negocio para unha minoría -fondos de inversión, empresas transnacionais, FIFA...- que se paga cos cartos de todas.