Compartimos un pequeno texto que nos achegou Xistra Souto titulado "Eles e nós".
"Eles e nós", Xistra Souto
Nós somos uns mentireiros e non nos deixamos axudar, por iso eles teñen que controlar en que malgastamos os poucos cartos que temos, marcar “distancia terapéutica”…
Nós non estamos adaptados á sociedade, por iso precisamos proxectos de inserción, cursos de habilidades sociais, obradoiros de procura de emprego...
Nós acostumamos perder a educación, por iso eles precisan seguridade ás portas dos servizos sociais, da Xunta, do concello…
Nós cobramos en negro e solicitamos axudas sociais, por iso eles teñen que esixir unha chea de documentación, emitir valoracións técnicas das nosas vidas etc. para evitar a fraude.
Para nós todo é urxente e non temos a paciencia necesaria para entender que eles funcionan con cita previa, que cumpren protocolos e a lexislación en materia de protección de datos...
Mentres, Carlos Slim ‒home máis rico do mundo cunha fortuna valorada en 79600 millóns de dólares‒ propón o seguinte para combater o desemprego: traballar máis anos e unha xornada laboral de tres días á semana de “10 u 11 horas, para tener libres otros cuatro días y dedicarlos a la familia, a innovar, cultivarse o a crear”.