Edición galega do libro: "Renda Básica das iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida"

Contra un sistema que afoga a maioría, en moitos casos até matar, cómpre deixar claras as nosas aspiracións colectivas, os nosos desexos. Para a xente de Baladre moitos deses anhelos nomeámolos “Renda Básica das Iguais e moito máis”.

Motivadas pola necesidade de identificar os nosos desexos, de buscar as bases nas que queremos soster unhas vidas dignas e plenas, desde o ano 2012 dedicámonos a reflexionar e discutir sobre as contribucións que esta proposta de reparto da riqueza podía ofrecer á loita feminista e viceversa.

Para recoller todo o partillado e aprendido neste tempo elaboramos o libriño “Renda Básica das Iguais e Feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida”, texto que foi empregado como referencia para as accións que realizamos as xentes de Baladre durante a campaña da ILP Estatal pola Renda Básica.

Comprometidas con voltar a alimentar as loitas polos dereitos sociais na Galiza e nutrirmos diferentes propostas encamiñadas a desprazar o emprego do centro das nosas vidas, substituíndoo polos coidados, afectos, relacións e participación de xeito equitativo e en equilibrio co medio, achegámosvos a edición galega deste texto.

Nel atoparedes textos de Alicia Alonso, Rosa Zafra e Maria Fidalgo, máis os relatos en primeira persoa de Beatriz Lorenzo, Sara Rodríguez e Virginia Prieto, Cris Blanco, Mónica Gonçalves, Colectivo Kanguras Criando en Brazos e a entrevista de Zialdoka con traballadoras da Asociación Aukera, que actúa xunto a persoas en situación de prostitución. Como novidade da edición galega contamos cos poemas de María Rosendo.

O prezo do libro é de 7 euros. Para adquirir un exemplar ou organizar presentación na túa cidade ou colectivo, contacta connosco:

Mari Fidalgo: 687 368 314 / mariafidalgo_ba@riseup.net (baixo Minho e Compostela)

Diego Lores: 696 618 732 / odscoia@riseup.net (Vigo)

Lucía Medina: 670 919 313 / luciamedinanavarro@yahoo.es (Lugo)

Agardamos que a súa lectura faga agromar novas e ledas resistencias!