A situación económica derivada das medidas tomadas nos últimos anos provocou que cada día máis persoas teñan graves problemas para satisfacer as súas necesidades básicas. Parte deses problemas derivan en importantes dificultades económicas para cubrir todos aqueles gastos en materia de vivenda. Hoxe non falamos dos despexos e dos problemas para facer real o dereito a un teito, nesta ocasión queremos facer referencia aos problemas para cubrir os gastos das subministracións de luz, gas e auga.
Os intereses das empresas transnacionais que xestionan bens comúns como a enerxía e a auga chocan cos dereitos, recollidos en ampla lexislación, de acceso á enerxía e a auga potable para todas as persoas, con independencia da situación económica na que se atopen.
O 28 de xullo de 2010 aprobouse a resolución nº64/292 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que se recoñece que o dereito á auga potable e ó saneamento é un dereito humano esencial para o pleno goce da vida.
Neste mesmo senso, xa en novembro de 2002, o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais adoptou a Observación Xeral nº15 sobre o dereito á auga, establecendo no artigo 1 que o dereito á auga resulta indispensable para unha vida humana digna. E igualmente, defínese este dereito como o dereito de cada un a dispoñer dunha auga suficiente, saudable, aceptable, fisicamente accesible e accesible para o seu uso persoal e doméstico.
No caso de Vigo nos últimos meses vimos denunciando os cortes de auga que sofren moitas veciñas ante a insuficiencia de recursos para facer fronte a estas facturas. O servizo de xestión da auga na cidade están en mans dunha empresa concesionaria, Aqualia FCC. O Concello de Vigo, a través da concellería de Fomento que dirixe David Regades é a encargada de supervisar e fiscalizar o servizo que ofrece a empresa e garantir o acceso a auga para todas as veciñas.
O Concello de Vigo, ampliou o contrato a Aqualia (que xestiona o servizo dende 1990) o 21/11/2011, prorrogando o mesmo até 2020. Porén a realidade que atopamos é que a empresa non ten prevista, e polo mesmo, non está a aplicar ningunha medida para evitar o corte no casos de familias empobrecidas (dígase bono social, protocolo de colaboración cos servizos sociais...).
Lonxe de artellar medidas ou protocolos que garantan a obriga de abastecemento nos casos de incapacidade de pagamento, a empresa ofrece, en palabras dos seus dirixentes: negociar de modo individual cada caso para atrasar o corte.
O Concello de Vigo, como titular do servizo cedido á dita empresa, non incluíu no prego de condicións do contrato de concesión ningunha cláusula que prohiba os cortes de auga, nin tampouco foi aprobada ningunha ordenanza municipal que ofreza solucións en caso producirse ditos cortes.
A isto súmase a opacidade co que esta administración local e a concesionaria tratan este asunto, xa que unha e outra vez, néganse a ofrecer, publicar ou facilitar de calquera , modo o número de avisos e cortes que se producen na cidade.
Por todo isto solicitamos:
- Que os datos de cortes e numero de avisos de cortes na cidade de Vigo sexan públicos.
- Que se aproben e apliquen medidas destinadas a evitar o corte de auga a fogares sen recursos ou con recursos limitados baixo a premisa “quen non ten non paga”. Aprobación dun protocolo de colaboración co departamento de Benestar Social para familias vulnerables.
- Cumprimento da obriga legal do Concello de garantir o acceso universal á subministración de auga, a través da aprobación dunha ordenanza na que se prevexan exencións para fogares con baixos ingresos.
- Remunicipalizar o servizo.
Vigo, 19 de abril 2016