"Da RISGA á RBis". Obradoiro de ferramentas para a transformacion social

Con esta xornada abordaremos a necesidade de poñer en marcha espazos e dinámicas transformadoras, que partan da esixencia dos nosos dereitos a través da denuncia e da loita. E non dende a miseria de parchear situacións de exclusión que só logran tapar a realidade de desigualdade e inxustiza que provoca o sistema capitalista.

Na mañá do teremos dous momentos de reflexión en común:

1º Análise da desprotección social, partindo da RISGA. Dinamizado por María Martínez, traballadora social e por Ana Belén Méndez, profesora do Grao de Traballo Social no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

A Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) “é unha prestación social de carácter periódico destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria”. A Xunta recoñecía estes días que dedicou 32 millóns de euros no 2012 para esta prestación, rematando o ano con 6700 perceptoras, e isto coa que está a caer con cifras tan crúas coma que 30000 fogares galegos non teñen ingresos que choca co patrimonio de Amancio Ortega, terceira fortuna do planeta.

Para dar resposta á exclusión que está a afogar cada día a máis persoas, mentres que os prazos de espera e criterios para acceder a prestación irrisorias como a RISGA non fan máis que aumentar

2º Ferramentas e estratexias para a transformación social: RBis, puntos de información, apoio mutuo, desobediencia, comunicación crítica... Dinamizado por Manolo S. Bayona de Baladre.

A Renda Básica das Iguais, a entendemos como unha ferramenta anticapitalista que procura crear condicions dende o sistema para acabar con el, e crear escenarios para xerar formas de loita e resistencia dende abaixo, entre os colectivos e as persoas. Tratase dunha ferramenta dende a que construír poder popular, xa dende que se discute e debate, ata que se esixe a través da acción e a denuncia. De esixir que l¡os recursos que todas xeramos vaian ás persoas primeiro que a as infraestruturas e por suposto ás grandes empresas e os seus beneficiarios.

Os Puntos de Información sobre Dereitos Sociais son unha ferramenta para a consecución do apoio mutuo real entre a veciñanza dos nosos barrios. E todo xirando ao redor do intercambio de información sobre axudas sociais, de visibilizar/denunciar o empobrecemento e de buscar respostas colectivas fronte a exclusión e a perda de dereitos. Sempre provocando relacións coa poboación non mobilizada e os colectivos sociais, sen os que non é posible levar a cabo ningún proceso de cambio que remate co Capitalismo que nos oprime e destroza a vida.

Animamos a que veñades a coñecer e poder mellorar estas ferramentas -e outras- para o cambio social e debatilas entre todas.

---

"Da RISGA á Renda Básica das iguais". Obradoiro de ferramentas para a transformacion social

Día: Sábado 9 de marzo
Hora: 11h00 a 13h30
Lugar: parroquia do "Cristo da Victoria" (rúa Baiona 9, Coia - Vigo)

Organizan: ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais - Coia) - odscoia.arkipelagos.net

G.A.S. (Grupo Axitación Social) - grupodeaxitacionsocial.blogspot.com

Baladre (Coordinación de loitas contra o empobrecemento, a exclusión e a precariedade) - coordinacionbaladre.org