Esta mañá medio centenar de persoas xuntámonos ás portas do Concello de Vigo para apoiar a Abel e Carmela. Agradecemos o apoio de todas as persoas que viñeron poñer o corpo para defender o dereito de todas a unha vivenda digna, así como para denunciar que as administracións competentes -Xunta e Concello- teñen a obriga de ofrecer unha alternativa habitacional a esta familia que agarda pola sentenza que fixe a data de lanzamento.
Achegamos o manifesto lido na concentración deste venres:
Queren que pensemos que os nosos problemas son: os metros de altura dunha noria, o número de luces de nadal que van poñer nas rúa da cidade ou cantos postos vai ter a feira de nadal. Mais os problemas que padecemos a maioría pasan por malvivir sen termos cubertas as necesidades básicas.
Achegámonos hoxe a esta praza para amosar a nosa loita polo dereito a unha vivenda digna. Non temos outro remedio que loitar xuntas, posto que as administracións levan anos atendendo só os desexos dos grandes capitais que especulan con necesidades básicas, mentres ficamos sen poder acceder a unha vivenda. Concello de Vigo e Xunta de Galiza ofrecen como alternativas ao mercado un labirinto de “esmolas sociais” que nos deixan na rúa.
Ante isto, vimos hoxe para berrar que temos dereito a unha vivenda e que se non nola dan a imos coller. Non vemos outra alternativa para Abel e Carmela, unha parella que leva meses de tensión e sufrimento ante o inminente despexo. Percorrer inmobiliarias, chamar a propietarios para escoitar que o mercado desbota a aquelas quen non pode facer fronte aos elevados prezos, ás que non poden presentar avais ou facer fronte ás garantías esixidas.
A situación destas compañeiras fala con claridade da necesidade de pular por outras políticas que garantan o dereito a unha vivenda, mais por desgraza esta familia non é a única que padece as miserentas políticas. Nesta ocasión ocultamos a identidade desta familia para amosar que estamos ante un problema estrutural que por desgraza se leva por diante a moitas veciñas.
Ao noso carón temos á xente da Acampada contra a Pobreza, que levan meses ofrecendo en tendas de campaña para persoas sen fogar que fican fóra do albergue municipal. Temos compañeiras que malviven en choupanas e infravivendas mentres agardan por axudas sociais como a RISGA. Coñecemos tamén a veciñas que dormen en sofás ou habitacións de familiares ou amizades ante a imposibilidade de pagar unha vivenda. Vivimos ao carón de mozos e mozas que seguen na casa dos seus pais ante a imposibilidade de facer fronte a un alugueiro.
O sistema capitalista amosa que a súa cobiza é sinónimo de miseria para moitas de nós.
Por iso berramos hoxe:
Vivenda para Abel e Carmela e as súas fillas! Vivenda digna para todas, xa!
Vigo, 8 de novembro 2019
ODS-Coia