Alega ante os atrasos na resolución de prestacións básicas da Xunta

Hai uns meses publicabamos unha entrada baixo o título: Se tardan máis de tres meses en resolver a túa RISGA, RECÓRREA! Nela achegabamos un modelo de alegación para que as persoas que sufrían os atrasos na tramitación da RISGA, por parte dos concellos e da Xunta, fixeran saber á administración autonómica que tres meses era o prazo máximo -marcado por eles na lei- para resolver os expedientes.

Non cansamos de repetir que unha cousa é a crúa realidade que padecemos e outra os dereitos que nos amparan cando menos coas leis na man. Estamos fartas de escoitar a persoas que levan demasiados meses agardando pola RISGA ou por unha Axuda de Emerxencia Social (AES) e que fronte a isto o único que se lles ofrece é resignarse. Aínda que en retroceso algúns dereitos temos, e estamos dispostas a defendelos xa que estamos a falar do máis elemental: comer, ter un teito, pagar as facturas...

Por iso nestes meses varias persoas presentaron no rexistro da Xunta o modelo de alegación acompañado do resgardo selado coa data de entrega da súa RISGA. Na ODS-Coia non sabemos de ningunha que recibira resposta a este escrito, semella que a administración autonómica o que está a facer é adiantar a tramitación e a notificación da persoa que reclama o cumprimento do prazo de tres meses para resolver o expediente.

Este documento, básico en todo procedemento administrativo, pode ser unha ferramenta máis para transformar unha realidade que no caso da RISGA ou das AES non serve para cubrir as necesidades básicas de cada vez máis persoas empobrecidas.

A experiencia destes meses fixo que simplificaramos o modelo e que a maiores fixeramos un para os casos de solicitudes de AES. O froito do traballo o tedes aquí: modelo alegación RISGA e modelo alegación AES, pedímosvos que os usedes e que nos contedes as respostas que vos ofrece a Xunta. Se tedes algunha dúbida á hora de encher o modelo non dubidedes en contactar connosco.