Baladre

Espazo para repensar a nosa comunidade (6)

Comunidade Base Coia - Lun, 11/12/2023 - 22:45

Encontro de reflexión 9 de decembro de 2023
Tras a lectura da acta anterior, procedeuse á lectura e comentario do documento de propostas achegadas con antelación.

Algunhas persoas expresaron que se sentían un tanto abrumadas pola cantidade de propostas tendo en conta as nosas forzas actuais, pero outras lembraron que a maioría non eran propostas novas, senón cousas que xa se estaban a levar a cabo, e que se trataba case sempre de reforzar, consolidar, aumentar… o que xa existía. Ademais lembrouse que o peso que podemos cargar individualmente non é o mesmo que o que podemos cargar como comunidade.
Nese sentido reflexionamos sobre que opción sería máis acertada: se deixar un abanico amplo de propostas e que cada quen fose optando por participar nalgunha, ou centrarnos como comunidade nunha ou dúas concretas; aínda que ambas posibilidades presentaban vantaxes e inconvenientes. Lembrouse tamén que as propostas recollidas no documento eran para que fosen asumidas pola comunidade, e que cando unha persoa participase nesas iniciativas puidese facelo non a título persoal, senón en nome da comunidade. En todo caso, insistiuse en que todo o que se decida facer debería estar coordinado a través do ministerio.
Entre as propostas, destacouse que a de vincularse a Cáritas para a atención ás necesidades básicas é máis complexa que as demais polas implicacións que supón, polo que habería que ter toda a información posible antes de tomar unha decisión no espazo da asemblea parroquial. Ademais lembramos que se polas nosas limitacións actuais decidimos sumarnos a iniciativas que lideran outras entidades, o normal é que teñamos que adaptarnos ao seu xeito de facer as cousas.
En relación a unha petición procedente dun docente do Coia 2 para realizar clases de apoio nas materias científicas, falamos da posibilidade de canalizar a reivindicación á Consellería de Educación a través de FOAMPAS.
Tras reflexionar sobre as diferentes propostas e sobre a posibilidade de priorizalas, finalmente decidiuse trasladar a totalidade das propostas recollidas no documento inicial no ámbito social agrupando as directamente relacionadas (sensibilización e denuncia profética, coidados, atención ás necesidades básicas…).
Acordouse tamén que dende as diferentes plataformas que están a traballar se faga chegar un informe das necesidades que terían en canto á participación de máis persoas para tarefas determinadas.
Por último, a vindeira xuntanza, na que trataremos o tema da educación na fe, será o sábado 13 de xaneiro ás 10:30 horas.

Categorías: Comunidade Base Coia

2º Domingo de Advento: «Vieiros de liberación»

Comunidade Base Coia - Sáb, 09/12/2023 - 18:59
Domingo 10 de Decembro: Preparádelle o camiño ó Señor”

Isaías, tras constatar a nosa insensibilidade, o noso egoísmo, chámanos a ser voz que clama no deserto. O tempo de actuar é agora, cando é máis difícil, cando todo son malas novas, cando o mundo parece camiñar cara ao desastre. Isaías, como Xesús máis tarde, lémbranos que a tarefa é ardua, esixente: cómpre construír a xustiza para que Deus atope aquí, entre nós, o seu fogar. E construír a xustiza significa levantar os vales, é dicir, devolverlle a dignidade a quen lle foi arrincada, e rebaixar os montes, recuperar o reparto da riqueza evitando que uns poucos teñan o que é de moitas. Precisamos rematar cos privilexios, coas desigualdades, coas discriminacións… Abofé que esa é a xustiza de Deus, ese é o camiño liberador que Isaías nos convoca a percorrer!

Unha voz clama: «No deserto preparádelle o camiño ó Señor. Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus. Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado; que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado. Pois vaise revelar a gloria do Señor, […]»

Isaías 40, 3-5
Categorías: Comunidade Base Coia

Círculo de Silencio: «Por un Vigo comprometido cos Dereitos Humanos»

Comunidade Base Coia - Ven, 08/12/2023 - 20:15

O pasado xoves, día 7 de decembro, celebramos un novo Círculo de Silencio, organizado, coma sempre, pola Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia. Desta vez queríamos conmemorar o Día dos Dereitos Humanos, que se celebra anualmente o día 10 de decembro, e para iso contamos coa participación das amigas de Amnistía Internacional Vigo, que aportaron a súa longa experiencia para esixir no manifesto final «un Vigo comprometido cos Dereitos Humanos«.

Varias decenas de persoas reunímonos xunto ao Monumento ao Migrante da Praza de América para lembrar(nos) que lonxe estamos aínda de cumprir Dereitos que con demasiada frecuencia parecen papel mollado, esquecidos baixo as luces deslumbrantes desta sociedade egoísta e adormecida. Por fortuna, aínda quedan persoas e colectivos que loitan por un mundo máis xusto, fraterno e solidario, no que os Dereitos Humanos sexan o pan noso de cada día…

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes e o manifesto final redactado por Amnistía Internacional Vigo:

GA0P9MrWAAAVly5-1Descarga
Categorías: Comunidade Base Coia