Comunidade Base Coia

Subscribe to Comunidade Base Coia feed
Actualizado: hace 1 hora 26 min

Crónica da Festa do Magosto 2026

Dom, 08/11/2026 - 16:57

Facer barrio, facer comunidade, implica convivir acotío, estar xuntas na reivindicación e na loita por un mundo mellor, pero tamén nas festas populares. Bo exemplo foi o magosto que celebramos o pasado sábado 7 de novembro, onde nos xuntamos veciñas e veciños, que puidemos conversar, botar unhas risas, bailar, comer castañas e beber o viño novo que é propio destas datas. A chuvia perdoounos desta vez e deixounos unha tarde tranquila, mesmo cunha temperatura inusualmente alta para esta época do ano.

As amigas do Centro Cultural Rueiro aportaron o grupo de pandereteiras Lumieiras e o seu grupo de gaitas, e contamos tamén coa charanga «Traspés» para que a tarde tivese animación musical e o ambiente festivo que reclamaba a festa. Abofé que o pasamos moi ben!

E para non esquecer quen somos houbo tamén unha mesa de troco na que practicar un pouco de economía alternativa e solidaria, baseada no ben común fronte ao afán de lucro e o consumismo que nos invaden a medida que se achega o final do ano.

Vémonos o ano que vén!

Categorías: Comunidade Base Coia

Círculo de Silencio pola vivenda

Ven, 06/11/2026 - 18:36

Levamos sufrindo e encarecemento do acceso á vivenda nas últimas décadas sen que os distintos gobernos afronten o problema con medidas eficaces que eviten a especulación: persoas maiores, xoves, migrantes, persoas empobrecidas teñen que malvivir en condicións lamentables porque non poden ter un fogar en condicións.

Con motivo das mobilizacións que se celebran nestas datas no estado español para esixir unha vivenda digna para todas as persoas, a Rede Social Galicia Sur convidounos a participar nun novo Círculo de Silencio o pasado xoves 5 de novembro.

Ao final do acto leuse o seguinte manifesto, que acompañamos tamén dalgunhas imaxes:

manifesto 5 11 26Descarga
Categorías: Comunidade Base Coia

Magosto 2026

Mar, 03/11/2026 - 19:13

Dende a nosa comunidade parroquial sempre temos apostado polas festas tradicionais para facer barrio, para humanizar as nosas vidas celebrando o encontro coas demais. Pois ben, nesta liña, o vindeiro sábado día 15 de novembro celebramos o tradicional magosto da veciñanza nos baixos do complexo parroquial.

O programa previsto é o seguinte: dende ás 17:30 compartiremos castañas e viño novo entre todos os veciños e veciñas que se acheguen a participar. A esa mesma hora contaremos coa actuación do grupo de pandereteiras Lumieiras e o grupo de gaitas de Rueiro, e ás 18:30 poderemos desfrutar da actuación da charanga «Traspés».

Ademais, ao longo da tarde haberá unha mesa de troco para que veciñas e veciños intercambien trebellos, xoguetes, libros, todo tipo de cousas en bo estado que poidan ser útiles a outras persoas, practicando así unha economía alternativa e solidaria, baseada no intercambio e no ben común.

Cómpre agradecer moi especialmente a organización desta festa popular ao Movemento Veciñal «O noso barrio», á Asociación de Mulleres «Dorna» e ao Centro Cultural «Rueiro». Sen eles e elas, nada disto sería posible.

Categorías: Comunidade Base Coia

Xuntanza de Comunidades

Dom, 01/11/2026 - 21:21

O sábado 31 de outubro ás 11 da mañá tivemos unha nova xuntanza de Comunidades, que nesta ocasión era moi especial, pois se trataba de compartir e celebrar o legado recibido de parte de tantas persoas ao longo do noso camiñar, cunha lembranza especial desta vez para Emilio e Carmen.

Como resposta a esta xuntanza, moitas irmás e irmáns reunímonos para lembrar a vida compartida, facendo un percorrido polas anécdotas, palabras e xestos de Carmen, Emilio e moitas outras compañeiras de camiñada. O fío condutor da xuntanza foi a perseverancia como rasgo común a Emilio e Carmen, tal e como nos lembraron en primeiro lugar Juan e Marimar, seguidos de moitas voces que querían compartir as experiencias vividas e as leccións que esa perseverancia, esa fidelidade ao proxecto comunitario nos ofrecen para seguir comprometidas con esta maneira de vivir. O seu exemplo foi -e é- sementeira de futuro que segue a alimentar as nosas vidas, enchéndoas de sentido.

Para rematar a xornada, nos agardaba un xesto que fixo abrollar moitas emocións: no xardín da parroquia, xunto á igrexa, mais “a pé de rúa”, como foi a vida dos nosos irmáns e irmás maiores, depositamos unhas mensaxes de esperanza nun buraco de terra, e sobre el un pequeno monolito que servirá de recordatorio permanente deste día. Como a imaxe que ilustraba o marcapáxinas que Marimar repartiu entre todas as persoas presentes, queremos ser mans que sosteñan unha luz que alumee a vida no medio da escuridade.

Categorías: Comunidade Base Coia

Begoña Caamaño e o Cristo da Vitoria

Dom, 01/11/2026 - 20:45

O pasado verán, na revista Irimia, Charo Lopes publicaba un artigo sobre Begoña Caamaño e a súa vinculación coa parroquia do Cristo da Victoria:

O artigo explica que a parroquia do Cristo da Victoria, no barrio vigués de Coia, foi a primeira escola de formación política, ética e comunitaria de Begoña Caamaño durante os anos setenta. Esta parroquia estaba dinamizada por monxes e monxas dominicas, seguidores da teoloxía da liberación. Os puntos clave do texto son os seguintes:

  • Espazo de politización: O local parroquial funcionaba como un centro de vida social e debate crítico para a mocidade de Coia, un lugar lonxe do fundamentalismo relixioso onde se abordaban cuestións sociais e anticoloniais.
  • Loitas veciñais: Arredor da parroquia articuláronse importantes mobilizacións veciñais, como a defensa do terreo da Bouza contra a especulación ou as demandas de melloras urbanísticas e de seguridade na avenida de Castelao.
  • Legado ideolóxico: Aínda que Caamaño nunca se definiu como crente, as sementes que deixaron estes dominicos non foron so relixiosas, senón tamén de xustiza social, de entender que a neutralidade non é posible ante as estruturas de opresión e de vincular as loitas locais coas globais.
  • Influencia futura: Décadas despois, no seu posterior activismo feminista e independentista, a escritora seguiu recoñecendo esta etapa como a base da súa lóxica política baseada na dignidade e na defensa «dos de abaixo».

En conclusión, o texto sinala como a nosa comunidade de Coia axudou, sen sabelo, a formar unha das voces máis lúcidas e combativas da literatura galega contemporánea. Podedes lelo aquí. Non o perdades!

Categorías: Comunidade Base Coia

Círculo de Silencio polo traballo decente e unha vivenda digna

Lun, 05/10/2026 - 17:15

O pasado xoves 1 de outubro a Rede Social Galicia Sur convocábanos a un novo Círculo de Silencio. Desta vez, animadas pola HOAC, no marco das súas Xornadas polo traballo decente, adicámolo á reinvindicación de traballo decente e dunha vivenda digna para todas as persoas. Tratábase de lembrar que se non podemos acceder a unha vivenda adecuada é imposible desenvolver unha vida plena. Como se está a manifestar estes días en todo o estado español, trátase dunha reinvindicación necesaria e urxente, pois as dificultades de acceso á vivenda constitúen un problema crónico e sistémico, que non foi abordado ata agora con toda a seriedade que merece polas distintas administracións.

Deixamos a continuación algunhas imaxes do círculo, ao que asistiron representantes da HOAC e Antonio Valín, bispo da nosa diócese.

Categorías: Comunidade Base Coia

Xuntanza de inicio de curso

Mar, 22/09/2026 - 20:56

Como todos os anos, celebramos o pasado sábado día 19 de xuño a nosa Xuntanza de inicio de curso, onde o obxectivo era lembrármonos as liñas mestras de actuación para os próximos meses e o levado a cabo ao longo do ano anterior. Pero a nosa Xuntanza era para moito máis que iso: tratábase, por enriba de todo, de saudarnos, abrazarnos, agarimarnos, intercambiar risos e xestos cómplices; en definitiva, tratábase de recuperar o espíritu comunitario xuntándonos dende a aperta que nos irmanda.

Por iso as palabras finais, sobre Emilio, sobre Carmen, sobre Joaquín, sobre os nosos irmáns maiores, tan presentes e tan vivos na nosa comunidade, foron todo un símbolo do que somos e do que queremos ser: comunidade cristiá de base comprometida cun mundo mellor, máis xusto e fraterno. Seguimos!

Categorías: Comunidade Base Coia

«O mundo que queremos»

Xov, 10/09/2026 - 22:42

As compañeiras da Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia, achégannos esta invitación a participara da III Xornada «O mundo que queremos». Non o perdades!

Se che preocupa a situación do mundo actual, se che moven as inxustizas, a falta de dereitos cara ás persoas, a desigualdade e o dano que sofre o noso planeta. E se crees na cooperación e na xustiza social, non podes faltar á xornada que estamos a preparar para o 19 de setembro no CC Vialia Estación de Vigo.

Organizacións sociais da cidade, ong animarémoste a participar na construción dun mundo mellor a través do xogo, de talleres, da música… Esperámoste

Categorías: Comunidade Base Coia

Homes, Comunidade e Amor

Ven, 04/09/2026 - 20:58

Este verán foi moi duro para a comunidade parroquial do Cristo da Vitoria. Despedimos a dour irmáns, Emilio e Carmen, irmáns maiores que nos acompañaron durante moitos anos e que axudaron decisivamente a forxar a nosa identidade.

O noso compañeiro Diego foi quen de expresar nun fermoso e sentido texto a pegada entrañable que deixaron na Comunidade, amosándonos co seu exemplo un camiño posible, alternativo, que pon a vida en común no centro. Velaquí o texto, que se publicou estes días na revista A Movida (o exemplar completo atópase neste enlace: https://amovida.gal/wp-content/uploads/2026/09/revista_a5_setembro_2026_web.pdf).

Categorías: Comunidade Base Coia

Testemuño da nosa irmá Carmen

Mar, 18/08/2026 - 18:12

No día en que celebramos a María de Nazaret, o pasado 15 de agosto de 2026, despedimos a nosa irmá Carmen, outra muller de fe, esperanza e compromiso. Xa comparte o abrazo agarimoso do Deus en que sempre esperou.

Sirva como emocionado homenaxe á súa vida, entendida como servizo á comunidade, esta longa entrevista que se lle fixo en outubro de 2022, con motivo do 50 aniversario da parroquia do Cristo da Victoria (Coia), en Vigo.

Categorías: Comunidade Base Coia

Comunicado sobre o pasamento da nosa irmá Carmen

Sáb, 15/08/2026 - 21:55

Benquerida Comunidade:

No día en que celebramos a María de Nazaret despedimos a nosa irmá Carmen, outra muller de fe, esperanza e compromiso.

Xa comparte o abrazo agarimoso do Deus en que sempre esperou.

Velaremos o seu corpo na parroquia a partir das 16,30 de mañá domingo.

Celebraremos o funeral o luns, dia 17, as 12,30 h.

Unha aperta fraterna

Categorías: Comunidade Base Coia