Baladre

Limpeza de Vilán

Comunidade Base Coia - Dom, 21/06/2026 - 23:27

É xa unha tradición que algunhas persoas da comunidade se xunten unha fin de semana para preparar a casa de Vilán para os campamentos de verán. A limpeza é esixente porque leva tempo e esforzo, pero o traballo sempre se fai máis doado e levadeiro cando se fai en comunidade, cando se comparte, mesturado cos momentos para o xantar, os ratos de conversa, as confidencias e as risas, os proxectos de futuro e as miradas cara o pasado.

De todo isto houbo esta pasada fin de semana en Vilán. Ao final, sobre o cansazo imponse un sentimento de ledicia e unha convicción que agroma espontánea: nestes días compartidos estamos a construír un presente alternativo a narrativa que pretenden impoñernos, estamos a facer comunidade fronte ao individualismo que nos devora, que nos consume. Dende o pequeno, estamos a desenvolver un relato que ten moito de revolucionario, porque co noso camiñar estamos a amosar novas formas de ser, de vivir e sobre todo de convivir.

E, ao tempo, preparamos o espazo para que a rapazada incorpore eses camiños alternativos á súa vida. Sementamos futuro dende o noso presente compartido!

Categorías: Comunidade Base Coia

Asemblea parroquial e Festa de A Bouza

Comunidade Base Coia - Lun, 15/06/2026 - 16:20

Estes dous últimos sábados desenvolvimos dúas actividades coas que tradicionalmente pechamos o curso e aproveitamos para compartir o camiño andado e trazar algunhas pistas para o que virá o ano próximo: a Asemblea parroquial e a Festa de A Bouza.

Na parte máis formal, que se corresponde coa Asemblea, que tivo lugar o pasado día 6 de xuño, como eramos menos persoas das esperadas traballamos ao redor das actividades dos ministerios e decidimos trasladar ás comunidades a reflexión programada para este espazo e adiar a toma de calquera decisión para o comezo do seguinte curso, xa no Consello de Pastoral.

O sábado seguinte, o 13 de xuño, chegou o momento de compartir de forma máis festiva e informal o traballo desenvolvido ao longo do curso, facer plans para o ano que vén e, sobre todo, celebrar a vida comunitaria como espazo alternativo e horizontal onde crecer no amor fraterno nestes tempos de violencia, individualismo e soidades.

Ademais, contamos coa visita das amigas da asociación «Beiramar de Xente», integrada por diversos colectivos sociais, veciñais e culturais, que nos falaron do seu proxecto para o litoral industrial de Vigo. Trátase de poñer en valor o pasado esplendor das nosas industrias vencelladas ao mar como elemento dinamizador dun urbanismo -e dun turismo- diferentes, baseados na cultura do país e na historia da nosa cidade, non na especulación e na superficialidade.

Deixamos a continuación algunhas imaxes, tanto da asemblea como da Bouza.

Categorías: Comunidade Base Coia

Memorias en bloque

Comunidade Base Coia - Sáb, 13/06/2026 - 21:55

Así, Memorias en bloque, titula a xornalista Alexia Mayo Brunet o seu proxecto de investigación sobre a historia do barrio de Coia, onde, entre outras moitas cuestións, aborda o pasado das loitas veciñais do barrio, nas que a comunidade de base da nosa parroquia estivo moi implicada. Foron tempos duros, si, pero solidarios e comprometidos na construción dun barrio de tod@s para tod@s.

Tedes aquí un par de enlaces sobre ese período do noso pasado, que segue a amosarnos camiños de futuro…

Categorías: Comunidade Base Coia

Testemuño de José Ramón

Comunidade Base Coia - Mér, 10/06/2026 - 21:48

José Ramón López de la Osa (1951-2024) foi un fraile dominico de pensamento profundo, de risa franca e cómprice e de espíritu forte a pesares dos seus continuados problemas de saúde.

Pasou por Roma, Estados Unidos, Vallecas, Valencia, onde se xubiliou como profesor, e finalmente recalou en Vigo, onde puidemos aprender moito, tanto persoas moi novas como maiores, da súa sabiduría e do seu apaixoado compromiso na procura da verdade. Chegado o momento, na primavera de 2024, decidiu retirarse en La Virgen del Camino para pasar alí o que lle restase de vida.

Como dicía no vídeo que figura a continuación, no que recollemos o seu testemuño de vida, o que lle quedaba de todas esas estancias en lugares tan diversos eran as persoas, as comunidades, as irmás e irmáns que o acompañaron no camiño.

Sirva este vídeo de agradecido e agarimoso homenaxe na súa lembranza…

Categorías: Comunidade Base Coia

Unha man amiga para acompañar ás vítimas dun proceso xudicial interminable

Comunidade Base Coia - Xov, 21/05/2026 - 16:53

«Una mano amiga para el que no tiene nada. El que sufre, el que se encuentra en una situación difícil. Nueve nepalíes pertenecientes al la embarcación “Karar” se vieron envueltos en un limbo de compleja solución. Arrestados por narcotráfico, pasaron cuatro años en prisión preventiva en A Lama a la espera del juicio. Cuando pasó ese tiempo límite, tuvieron que irse a la calle, pero a la espera de que se celebrase la vista. Sin dinero, sin familia. El juicio fue retrasado una y otra vez, para desesperación de ellos, cuya pena sería menor al no estar involucrados en el transporte del alijo y solo estar en el lugar equivocado y el momento equivocado. Ahí apareció un grupo ligado a la parroquia del Cristo de la Victoria, en Coia, que no desvió la mirada pensando que ese problema no era el suyo.»

Así comeza a crónica publicada recentemente nun xornal local na que se recolle a relación da parroquia do Cristo da Vitoria, e en especial dalgunhas persoas da nosa comunidade, con ese grupo de persoas nepalíes que quedaron nun limbo legal, sen poder exercer ningún traballo remunerado e tamén sen poder abandonar o país, ata a resolución dun xuízo que se foi alongando no tempo moito máis do debido. O acompañamento do párroco e dunha comunidade foi material en primeiro lugar, para cubrir as súas necesidades básicas, pero sobre todo foi afectivo, emocional, ata o punto de sentir que a relación chegou a ser verdadeiramente fraterna. A proximidade cotiá, a situación de vulnerabilidade e o afecto mutuo deron lugar a unha despedida onde a ledicia pola volta a casa mezclouse coa tristeza por deixar atrás a persoas benqueridas que formarán parte sempre da súa historia persoal…

Tedes aquí o enlace coa crónica completa do xornal: https://www.atlantico.net/vigo/mano-amiga-cautiverio-dejo-karar_1_20260518-4279524.html

Categorías: Comunidade Base Coia

Punto de información no proceso de regularización extraordinaria

Comunidade Base Coia - Lun, 20/04/2026 - 23:04

Punto de información no proceso de regularización extraordinaria! Todos os luns de 17h a 20h nos locais do complexo da parroquia do Cristo da Vitoria. Coa colaboración de SOSRAcismo Galicia. Para que a burocracia non sexa, unha vez máis, unha barreira insuperable!

Categorías: Comunidade Base Coia

María López Vigil: «Soñar o mundo, mudar a realidade»

Comunidade Base Coia - Lun, 13/04/2026 - 22:07

O pasado venres 10 de abril tivemos a inmensa sorte de reencontrarnos cunha antiga amiga da nosa comunidade, a xornalista e escritora nicaragüense María López Vigil, que compartiu connosco unha charla titulada “Soñar o mundo, mudar a realidade”, un agasallo de alento e esperanza nestes tempos difíciles para as persoas e comunidades que cremos nese outro mundo posible e necesario.

María falounos, coa claridade e coa actitude crítica que a caracteriza, da necesidade de cuestionar e repensar ao Xesús e ao Deus en que cremos, e de deixar atrás ideas e dogmas preestablecidos que contradicen o sentido común e os verdadeiros valores cristiáns, e que son negativos e mesmo perigosos para nós e a nosa sociedade.

Coas súas palabras María puxo en valor a importancia de Un tal Jesús e Otro Dios es posible, obras das que é coautora xunto ao seu irmán, Ignacio López Vigil, nese camiño necesario de repensar dende a capacidade crítica a nosa fe e o noso compromiso como crentes.

En definitiva, como hai 21 anos, foi un pracer e toda unha oportunidade de aprendizaxe e crecemento persoal e comunitario escoitar a María e compartir con ela unha xornada chea de cariño e de reflexións enriquecedoras sobre o verdadeiro sentido da nosa fe e do noso seguimento dun tal Xesús de Nazaret.

As súas principais obras seguen dispoñibles para nós a través da internet. Non deixedes de escoitalas, para soñar o mundo e mudar a realidade:

SERIE UN TAL JESÚS SERIE OTRO DIOS ES POSIBLE SERIE SAN PABLO Y MARÍA MAGDALENA… ¡FRENTE A FRENTE!
Categorías: Comunidade Base Coia

Círculo de Silencio pola Paz

Comunidade Base Coia - Lun, 13/04/2026 - 15:06

O pasado xoves, 9 de abril, ás 20:00, a Rede Social Galicia Sur convocábanos a un novo Círculo de Silencio. Desta vez, o tema era case obrigado pola situación que estamos a vivir, de conflitos, guerras, violencia, agresións constantes… Por iso estabamos chamados a denunciar estas violencias múltiples e a reivindicar a Paz como forma de estar no mundo, tanto dos individuos como dos pobos e estados, como forma de construír un mundo distinto, máis xusto e solidario.

Un nutrido grupo de persoas reunímonos durante media hora en círculo buscando unha comuñón verdadeira, dende o Silencio, en torno á Paz e a Non-Violencia. E non foron poucas as persoas anónimas que se paraban e mesmo quedaban uns minutos a compartir con nós ese rato de silencio, apoiando así, con ese pequeno xesto, a nosa reivindicación.

Ofrecemos a continuación o texto do manifesto que se leu ao final do acto e unhas imaxes do mesmo.

Círculo de Silencio 9 abril 2026_1Descarga
Categorías: Comunidade Base Coia

A Igrexa galega contra a Lei de Multirreincidencia

Comunidade Base Coia - Mér, 01/04/2026 - 21:32

A semana pasada aprobábase no Congreso dos Deputados a Lei de Multirreincidencia, que supón o incremento das penas para quen comete pequenos hurtos de forma continuada. O titular dun xornal nacional era moi expresivo: «El Congreso aprueba la ley de multirreincidencia con penas de hasta tres años por robos de móviles». Tratábase dunha iniciativa de Junts que contou co respaldo de PP, PSOE, Vox, PNV e UPN. En contra votaron Sumar, EH Bildu, Podemos e BNG, mentres ERC se abstivo.

Neste asunto as dióceses galegas, a través da Pastoral Penitenciaria de Galicia, teñen sido moi contundentes para denunciar o que consideran unha agresión ás persoas en situación máis vulnerable, que en ocasións teñen que sobrevivir a base destes pequenos hurtos porque carecen de recursos económicos. O responsable en Vigo da Pastoral Penitenciaria Galega, Juan Antonio Terrón, fraile dominico e o párroco da nosa parroquia, sinalou nun xornal local que estaban en completo desacordo coa aprobación porque «desprotexe aos máis desfavorecidos». A experiencia das pastorais penitenciaras amosa «que moitas destas situacións non responden a unha delicuencia organizada, senón a contextos de pobreza, exclusión, adiccións ou falla de oportunidades». O prioritario debería ser reforzar as políticas de prevención e en todo caso pensar en alternativas á entrada no cárcere.

A denuncia das dióceses galegas, a través das delegacións da Pastoral Penitenciaria, recibiu posteriormente o respaldo da Conferencia Episcopal.

Máis información nestes enlaces:

A continuación ofrecemos o texto da nota publicada dende a Pastoral Penitenciaria de Galicia. Recomendamos encarecidamente a súa lectura, que nos fala das actitudes que debemos adoptar como cristiáns/cristiás ante a realidade da cárcere e a situación de moitas persoas empobrecidas e vulnerables que acaban sendo vítimas da falta de alternativas. O texto é moi acaído nestes días de Semana Santa, que na nosa parroquia vén enmarcada polo lema «Soñar o mundo, mudar a realidade»:

Nota-de-la-Pastoral-Penitenciaria-de-Galicia-sobre-la-ley-de-multirreincidenciaDescarga
Categorías: Comunidade Base Coia

5º Domingo de Coresma: «QUEREMOS CAMIÑAR CONTRACORRENTE»

Comunidade Base Coia - Dom, 22/03/2026 - 10:42

DOMINGO V DE CORESMA (22 de marzo)

¿Comparto o don da vida?

Nos primeiros domingos deste tempo de Coresma cuestionámonos que daba valor á nosa vida e onde poñíamos a nosa felicidade; despois nos preguntamos como atopar as fontes onde saciar a nosa sede e con que ollos debíamos mirar a realidade. Quédanos unha pregunta, que dalgunha maneira serve para dar resposta a todas as demais: ¿Cremos na palabra, na vida de Xesús de Nazaret? ¿Escoitamos a súa chamada? ¿Compartimos o don da vida?

Naquel tempo, as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:

– Señor, mira, o que amas está enfermo.

Ó oílo, dixo Xesús:

– Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.

Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Anque oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles ós discípulos:

– ¡Vaiamos outra vez a Xudea!

Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa.

Díxolle entón Marta a Xesús:

– Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.

Xesús díxolle:

– Teu irmán resucitará.

Marta respondeulle:

– Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.

Díxolle Xesús:

– Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?

Ela respondeu:

– Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.

Xn 3-7. 17. 20-27. 33b-45
Categorías: Comunidade Base Coia

4º Domingo de Coresma: «QUEREMOS CAMIÑAR CONTRACORRENTE»

Comunidade Base Coia - Sáb, 14/03/2026 - 21:52

DOMINGO IV DE CORESMA (15 de marzo)

¿Con que ollos miro a realidade?

A mirada do mero espectador, pasiva, allea, insensible, é cada vez máis habitual no noso mundo. Por iso, neste tempo de Coresma, temos que renovar os nosos compromisos. ¿Estamos cegos ante as inxustizas, ante a dor, ante o sufrimento? ¿Ou procuramos a luz da mirada amorosa, comprometida, solidaria de Xesús de Nazaret?

Xn 1. 6-9. 13-17. 34-38

Entón preguntáronlle outra vez ó cego:

– ¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?

El contestou:

– Que é un profeta.

Respondéronlle eles:

– Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?

E botárono fóra.

Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:

– ¿Cres ti no Fillo do Home?

El respondeulle:

– ¿E quen é, Señor, para que crea nel?

Díxolle Xesús:

– Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.

El dixo:

– Creo, Señor.

E prostrouse diante del.

  • Xn 1. 6-9. 13-17. 34-38
Categorías: Comunidade Base Coia